miércoles, 27 de enero de 2016

Venres cultural xaneiro 2016


A Asociación Cedofeita retoma a conferencia
"O marabilloso legado cultural e humano de Isaac Díaz Pardo”
da escritora Loli Beloso

A conferencia, "O marabilloso legado cultural e humano de Isaac Díaz Pardo”, que fora suspendida o pasado mes de novembro a causa do pasamento de Neira Vilas, será pronunciada pola escritora Loli Beloso Neira o próximo venres, día 29 do presente mes, ás 20,30 h., na Casa da Cultura de Lérez.

Loli Beloso naceu nunha aldea da provincia da Coruña, pero desde moi nena criouse na parroquia de Tomeza (Pontevedra) cuns tíos seus que non tiñan fillos. Aos oito anos ingresou nunha escola da vila de Pontevedra que non lle gustaba nada porque botaba de menos aos seus amigos e a súa aldea.

A vocación de escritora vénlle desde aquela, pois no colexio, debaixo dunha roseira, escribía as súas cousas que a facían soñar e ser feliz e, aos nove anos, déronlle un premio nun concurso de redacción. Leva escrito tres libros dirixidos á infancia sobre tres personaxes galegos de gran carisma: Isaac Díaz Pardo para as nenas e nenos galegos”, “Luís Seoane para nenos” e vén de presentar recentemente Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos”

Os beneficios que se deriven da venda destas publicacións irán destinados integramente á Fundación de Medicina Xenómica que dirixe o Dr. Ángel Carracedo da Universidade de Santiago, o que pon de manifesto a extraordinaria calidade persoal e humana da autora.

Na conferencia que impartirá na Casa da Cultura de Lérez, Loli Beloso tentará,dar a coñecer a Isaac Díaz Pardo desde os puntos de vista humano e cultural, coa intención de que sempre sexa lembrado e querido, pois, como ben di, o esquecemento é o que verdadeiramente causa a morte.

Os próximos “Venres Culturais” estarán dedicados ao mosteiro de Lérez (arte, historia, economía) que neste ano cumpre mil cen anos da súa fundación. Serán os días 26 de febreiro e 18 de marzo, ás 20:30 h., na Casa da Cultura de Lérez e terán como relatores a Xaime Iglesias e Xosé Álvarez. Coma sempre, a entrada será de balde ata completar aforo.
Lérez, 25 de xaneiro de 2016.



martes, 22 de septiembre de 2015

Presentación nº 19 da revista CEDOFEITA

O venres 26 de setembro, ás 8 e media, na Casa da Cultura de Lérez.

sábado, 23 de mayo de 2015

O ferreiro, un brazo máis de labregos e artesáns.

O vindeiro venres, 29 de maio, ás 8 e media, na Casa da Cultura de Lérez e dentro dos Venres Culturais de CEDOFEITA, Antonio Vázquez achegarános ao mundo do traballo do ferro. Entrada de balde ata completar o aforo.

lunes, 20 de abril de 2015

Actividades en abril


Venres Culturais CEDOFEITA


A Asociación Sociocultural CEDOFEITA de Lérez comprácese en convidar a vostede á conferencia
Campanarios: arquitectura e funcións”
que pronunciará
Benigno García Casalderrey


  • Venres, 24 de abril, de 2015, ás 20.30 h.
  • Casa da Cultura de Lérez.




A Asociación Sociocultural Cedofeita de Lérez
comprácese en convidar a vostede ó

Roteiro do Lérez ó Rons”
Domingo, 26 de abril de 2015.
Saída: ás 9,30 h.do mosteiro de Lérez.

- Distancia estimada, 10 km. Duración aproximada, 4 h. Dificultade media.
- Os asistentes virán provistos de calzado e roupa axeitados.

sábado, 14 de marzo de 2015

Nova directiva e actividades para 2015


A asociación Cedofeita na última asemblea aprobou o programa de actividades para 2015 e renovou a composición da directiva: Xosé Álvarez deixa a presidencia resultando elixido novo presidente Xaime Iglesias e prodúcense novas incorporacións como se detalla máis adiante.

Programa de actividades. 2015

  • Venres Culturais (charlas, actuacións musicais, coloquios, proxeccións...). Todos os últimos venres de mes (agás puntuais excepcións), de outubro a abril/maio, ás 20,30 h., na Casa da Cultura. Están programados os seguintes:
  • 27 de marzo. Charla de Mercedes Torres Hermida
Chamadeiros: nomes dos lugares dos arredores de Pontevedra”.
  • 24 de abril. Charla de Benigno García Casalderrey
Campanarios: arquitectura e funcións”
  • 29 de maio. Charla de Antonio Vázquez Iglesias
O ferreiro, un brazo máis de labregos e artesáns”
Os “Venres Culturais” seguintes daranse a coñecer oportunamente.

  • Roteiro. Domingo, 26 de abril. “Do Lérez ó Rons”. Saída ás 9, 30 h. do mosteiro de Lérez. Dificultade media. Duración aproximada 4 h. Observaremos aspectos xeográficos, paisaxísticos e etnográficos.

  • Concerto-Baile. Sábado, 6 de xuño, a partir das 21,30 h. “A música na miña vida” a cargo de Manolo Canosa. Entrada libre ata completar aforo.

  • Viaxe cultural. Domingo, 14 de xuño. Saída do mosteiro de Lérez, ás 08,30 h
Visitarase a zona de Castro Caldelas, Trives, A Rúa, O Bolo. Observaremos aspectos de interese paisaxístico, monumental, cultural, etc.
O prezo por persoa será o resultado de dividir os gastos (transporte e xantar) entre os asistentes. As prazas serán adxudicadas por orde de inscrición. Para reservar debe contactarse con calquera dos membros da directiva antes do día 31 de maio.

  • Exposición. Terá lugar os primeiros días de agosto. O tema deste ano é medios de locomoción e transporte relacionados con Lérez.
Solicitamos a colaboración dos socios, en especial, na localización de fotografías:
  • fotografías de todo tipo de vehículos de xente de Lérez: carretas, remolques de man, carros de vacas, tractores, chimpins, bicicletas, motos, isocarros, coches, camións, podendo ser con carga e/ou coas persoas propietarias ou usuarias.
  • Fotografías de persoas de Lérez nun autobús, no tren, nun avión, nun barco...
  • Fotografías de animais de tiro e/ou carga como burro, cabalo… mellor con carga e/ou cos seus propietario/usuarios.
  • Fotografías de persoas cargadas con cestos, feixes, sacos…, ó lombo, na cabeza…
  • Calquera outra fotografía ou obxecto relacionado con este tema.
Nota, As fotografías que se faciliten devolveranse despois de facerlles unha copia.

  • Feira Franca. Como vén sendo habitual, Cedofeita participará na Feira Franca, este ano cun obradoiro de elaboración de papel a partir de palla.

  • Actividades micolóxicas. Charla sobre cogomelos e saída de campo. As datas (en outubro ou novembro) fixaranse dependendo das condicións do tempo.

  • Publicación do nº 19 da revista CEDOFEITA.
Convidamos a todos os socios/as a colaborar na revista con artigos. O equipo redactor está á vosa disposición para prestar calquera tipo de axuda técnica (documental, fotográfica, lingüística...).Os traballos deberán enviarse antes do 31 de xullo.

  • Presentacion da revista farase no mes de setembro no lugar e data que se dará a coñecer oportunamente.
NOTAS:
  • A Asociación CEDOFEITA, como entidade aberta e plural, convida a todos os seus asociados/as a participar nas actividades programadas.
  • Ademais, agradece as vosas suxestións para a organización destes e outros actos, así como para a posible formación de grupos de traballo sobre diversos temas (teatro, toponimia, historia, patrimonio, medio ambiente…)
  • Dispoñemos de revistas sobrantes desde o número 1 ó 18. Se algún socio/a necesita algunha, pode solicitala á xunta directiva. Reservarase certa cantidade de cada número para o arquivo e o resto entregaranse por orde de petición ata esgotarse.
  • Rogamos a todas as socias e socios que dispoñan de correo electrónico nolo fagan chegar para axilizar e abaratar os comunicados relacionados coa asociación. Para este fin deberán enviar un correo electrónico a acedofeita@yahoo.es, indicando no texto nome, dous apelidos e DNI. Se houbese algún cambio nalgún dato (domicilio, teléfono, IBAN bancario, etc,) podedes aproveitar para comunicalo.
  • Para calquera dos asuntos mencionados (viaxe cultural, fotografías para a exposición, , artigos para a revista, suxestións, etc.), así como para calquera proposta, podedes contactar coa asociación por medio do correo electrónico antes citado, nos teléfonos
986 87 12 52 (Jaime), 986 87 13 03 (Benigno), 636 29 98 05 (X. Luís Solla), 986 87 15 69 (Pepe) ou persoalmente con calquera membro da Xunta Directiva.


Composición da Xunta directiva

  • Presidente: Jaime Iglesias González
  • Vivcepresidente: Benigno García Casalderrey
  • Secretario: José Luís Estévez Solla.
  • Tesoureiro: José Manuel Castro Méndez
  • Vogais: Xosé Álvarez Castro
Jaime Barreiro Montes
Eva Cochón Moledo
Mª José Donsión Couselo
José Grandal Sanjorge
José Quinteiro Piñeiro
Mª Dolores Tobío Iglesias
Antonio Vázquez Iglesias

miércoles, 25 de febrero de 2015

Asemblea xeral e Venres Cultural



A Casa da Cultura de Lérez será o escenario da conferencia "Feísmo: enfermidade ou síntoma?” que pronunciará o antropólogo e xornalista Germán Ermida
Continuando coa programación dos xa habituais “Venres Culturais Cedofeita”, a Casa da Cultura de Lérez será o escenario da conferencia "Feísmo: enfermidade ou síntoma?” que pronunciará o antropólogo e xornalista Germán Ermida. Será o próximo venres, día 27 do presente mes, ás 20,30 h.
Desde hai quince anos, Germán Ermida vén desempeñando tarefas de redactor en Culturagalega.org, prestando unha especial atención aos campos da música, o asociacionismo cultural, o patrimonio, a banda deseñada e a literatura. En paralelo, desenvolve unha intensa tarefa no campo asociativo en diferentes entidades. Desde hai máis de vinte anos e ten colaborado en publicacións como "Tempos novos". "Novas da Galiza", "Sermos Galiza", "BD Banda", "Boletín galego de literatura" e "Adra". Tamén ten participado en charlas e mesas redondas sobre diversas cuestións.
Ademais. na actualidade mantén o blog http://donatural.blogaliza.org,onde reflexiona sobre diferentes cuestións vencelladas á identidade e ao patrimonio cultural. 
Na conferencia que impartirá na Casa da Cultura de Lérez, Germán Ermida tentará, con máis preguntas que respostas, abordar a complexa problemática do que se deu en chamar feísmo, termo aínda sen perfilar, que pode referirse a aquelas construcións e realizacións humanas caracterizadas por un alto grao de mediocridade.
Hoxe en día, os medios de comunicación e a propia administración presentan o feísmo como un problema urxente para a sociedade galega. No entanto, detrás desta idea existe toda unha serie de preconceptos, relacións de poder e cuestións sociais que non sempre resultan evidentes e que Germán Ermida pretende esclarecer formulando interrogantes como, até que punto o feísmo existe ou simplemente se quere ver? Quen determina o que é feo? E, detrás da uralita e do tixolo à vista, non haberá outros problemas máis graves? A conferencia irá acompañada de exemplos gráficos sobre os que debater estas e outras cuestións.
Para o próximo mes de marzo a programación de “Venres Culturais Cedofeita” ofrecerá a conferencia de Mercedes Torres sobre toponimia dos arredores de Pontevedra. Tamén terá lugar na casa da Cultura de Lérez, o venres, día 27, ás 20,30 h. Coma sempre, a entrada será de balde ata completar aforo.


Asemblea Xeral Ordinaria


Data: xoves, 12 de marzo de 2015.
Lugar: Local social. Casa da Cultura. R/ Leandro del Río 12
Hora: 9 da noite.(en 2ª e definitiva convocatoria)

Orde do día:

1.º Lectura da acta da sesión anterior e aprobación, se procede.
2ª Memoria de actividades realizadas.
3º Plano anual de actividades para 2015.
4º Estado de contas e orzamento para o próximo exercicio.
5º Rogos e preguntas.


Asemblea Xeral Extraordinaria


A continuación da asemblea sinalada anteriormente, terá lugar Asemblea Xeral Extraordinaria coa seguinte :

Orde do día:

Punto único: Elección de Xunta Directiva.

Nota: As candidaturas para Xunta Directiva poderán presentarse ata unha hora antes da hora de comezo da Asemblea Ordinaria ( 8 da noite) no local social ou dirixíndose ao secretario.