sábado, 22 de enero de 2011

O premio nos xornais

En todos os xornais aparecen fotografías e crónicas do acto de entrega dos premios Cidade de Pontevedra. Como mostra, poñemos a continuación a foto de portada do Diario de Pontevedra do 21 de xaneiro.


jueves, 20 de enero de 2011

Entrega do premio Cidade de Pontevedra


Palabras do presidente de CEDOFEITA na entrega dos premios Cidade de Pontevedra:


Ilustrísimo señor alcalde, señoras e señores concelleiros, autoridades, amigas e amigos:

En primeiro lugar, queremos agradecer á Federación de Veciños Teucro por propoñernos ao premio Cidade de Pontevedra, ao xurado por considerarnos merecedores desta distinción e ao concello como institución que o patrocina. Tamén queremos lembrar neste momento ás demais asociacións e persoas que foron propostas e, nesta ocasión, non resultaron galardoadas.

A asociación sociocultural CEDOFEITA quere compartir este premio coas asociacións e persoas que están levando a cabo un traballo cultural de base no noso concello, que como todo traballo desinteresado para a sociedade, non sempre é recoñecido por esta pero que a súa existencia é importante e imprescindible.

Cedofeita ten o seu berce nunha parroquia como Lérez, orgullosa da súa singularidade e solidaria cos demais e síntese herdeira da súa historia. Xa o seu nome, Cedofeita, ven daquela Citofacta, torre, castelo ou recinto fortificado do que xa nos falan as crónicas medievais e que, alá polo século IX, servía de vixía e protección aos moradores dunha Pontevedra da que aínda non existían referencias documentais; torre que, coa axuda sobrenatural en forma de raio que lle prestou o apóstolo Santiago, foi conquistada aos portugueses por Fernando II, o rei que concedeu o foro á nosa cidade.

Lérez, que no seu mosteiro de bieitos acolleu, nun domingo de paixón do ano 1113, a celebración da consagración dos bispos de Mondoñedo e Porto oficiada polo arcebispo de Braga, Mauricio, coa presenza seu rival, o Arcebispo Xelmírez de Compostela, acompañados de varios prelados e cóengos. Como di a Historia Compostelana “¡Con canta e que reverencial luz dos cóengos da igrexa de Santiago resplandeceu a igrexa de Lérez, que aquel día chegou a ser tan memorábel!. Resplandor que séculos máis tarde renovarán os padres Feixóo e Sarmiento.

Considerámonos herdeiros daqueles lerezáns que, a finais do século XIX, fundaron a primeira sociedade de agricultores de Galicia, sociedade que non se pechou sobre si mesma, senón que liderou o movemento agrario pontevedrés e galego do primeiro terzo do século pasado, con líderes como Valentín Peña, Ramón Abilleira, Juan Magdalena, Víctor Moldes ou Manolo Gama, e que editou un periódico propio co título de La Glosopeda.

Tamén nos sentimos herdeiros dos conveciños que articularon unha Caixa Rural, que non só era depositaria dos diñeiros dos agricultores da bisbarra e da Federación Obreira pontevedresa, senón que tiña cooperativa propia , que foi pioneira na introdución de novas especies vexetais e de abonos modernos e atreveuse coa publicación dunha revista técnica agrícola que se chamou Vida Agraria.

Somos partícipes tamén daquel Lérez acolledor de xentes de diversa condición, do inesquecíbel Barriga Verde e os seus monicreques, de feirantes e xentes da moina, dos carteiristas que nos deron sona como Venerando ou Catro Ollos, pois todos eles forman tamén parte da nosa historia.

Herdeiros ¡como non! da entidade recreativa Juventud Lerezana, fundada no 1929, pioneira no recoñecemento da igualdade de dereitos de homes e mulleres e que definía nos estatutos, como misión principal, que o local estivese aberto polas noites para que os seus socios puideran adicarse á lectura de libros e xornais.

E así podíamos continuar ata hai poucos anos, cando Lérez tivo que defender a propiedade comunal e o patrimonio ambiental das súas xunqueiras o que non foi obstáculo, antes ao contrario, para compartilas xenerosamente con todos os pontevedreses como equipamentos públicos, educativos e de lecer .

E para rematar, quero manifestar que o premio Cidade de Pontevedra é un estímulo para continuarmos sendo unha entidade plural, aberta a diferentes sensibilidades, porque, nunha sociedade complexa, a pluralidade sempre é enriquecedora e tamén para reafirmarnos no compromiso coa defensa e divulgación do noso patrimonio cultural, histórico e ambiental.

Grazas e unha aperta.

martes, 11 de enero de 2011

Premio Cidade de Pontevedra

O xurado do premio Cidade de Pontevedra acaba de concederllo, no seu apartado de personas xurídicas, á nosa asociación.
Cedofeita quere dar as grazas á entidade que fixo a proposta (Federación de Veciños Teucro), aos membros do xurado que nos consideraron merecedores de tal distinción e ao concello de Pontevedra como entidade que os concede.
Consideramos que con este premio non só se está recoñecendo o labor de CEDOFEITA, senón tamén a todas as asociacións do concello de Pontevedra que comparten con nós un traballo cultural de base, de investigación e divulgación, tan necesario. Compartimos con estas asociacións e persoas, compañeiras nesta tarefa, o noso premio.
Queremos tamén participar da alegría dos nosos asociados e asociadas, amigos e amigas da nosa asociación porque son quen nos dan azos para continuar co noso labor.
Grazas.