martes, 4 de octubre de 2016

Presentación revista CEDOFEITA nº 20.


O vindeiro xoves, día seis de outubro, na Casa das Campás, ás oito da tarde, a asociación sociocultural CEDOFEITA presentará en Pontevedra o número 20 da revista CEDOFEITA. O acto contará coas intervencións de tres dos autores de artigos do número: Loli Beloso, autora do artigo “Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda: compromiso con todo o que fai ben” sobre esta parella de escritores tan relacionados coas nosas letras; Amancio Castro, que en coautoría con José Carlos Ríos e Juan Ramón López colaborou co artigo “A voltas polo Lérez” no que nos propoñen unha interesante proposta de roteiros polo Lérez relacionándoos co famoso problema matemático das sete pontes de Könisberg e Xosé Álvarez co artigo: “ O mosteiro de Lérez. Aspectos económicos” no que nos achega ás propiedades que tivo dito mosteiro e aspectos como os foros, as cargas señoriais, extensión territorial, etc.
Ademais, neste número trátanse temas de carácter histórico: Xosé Abilleira sobre o primeiro abade de Lérez Guntado, Mateo Fontán sobre a historia do Pontevedra C.F. e Alfonso Mumary sobre a heráldica pontevedresa; María Abelleira escribe sobre a toponimia como valor cultural; sobre literatura, José Manuel Ramos achéganos ao poeta lerezán J. Bautista Andrade, Loli Tobío a Manuel María como home e poeta e Teresa Fraga ofrécenos os seus poemas. Sobre a memoria de Lérez, Benigno García conta a historia dunha casa de acollida duns emigrantes en América e Mª del Carmen Pereira achéganos a lembranza da súa avoa. Juan Casalderrey proporciona unha interesante lección sobre os diversos tipos de palletas e pallóns de gaita. Non faltan tampouco as seccións habituais de humor, novos cultivos, actividades, etc.
A asociación convida a todos os pontevedreses e pontevedresas a asistir a este acto e a compartir este novo número de Cedofeita.