domingo, 27 de noviembre de 2011

Presentación do número 15 da revista CEDOFEITA


A asociación socio cultural CEDOFEITA de Lérez presentará o vindeiro martes, día 29 de novembro, o último número da súa revista CEDOFEITA. O acto terá lugar na sala SARGADELOS da rúa da Oliva ás OITO da noite. Contará coa intervención dalgúns dos autores que colaboran neste número que fai o 15 da revista.

Como é habitual, a diversidade de contidos caracteriza a esta revista cunha especial atención aos aspectos de investigación histórica e ambiental referidos á nosa bisbarra ou de interese máis xeral. Xosé Abilleira continúa coa divulgación da documentación sobre o castelo de Cedofeita e, nesta ocasión, analiza os escritos de Frei Prudencio de Sandoval sobre a documentación da doazón de dita fortaleza no ano 1169. Benigno García, neste ano no que se cumpre o centenario do histórico conflito entre as cidades de Vigo e Pontevedra ó redor das acrobacias do aviador Garnier, escribe unha completa crónica do sucedido naqueles días e a repercusión do enfrontamento que fixo intervir ao mesmísimo presidente do goberno español; achéganos, polo tanto, a un episodio descoñecido pola maioría dos pontevedreses. Na mesma liña , Xosé Álvarez dános a coñecer a “Calzada” ou Via Romana no tramo que discorre por Lérez e, en ton divulgativo, a problemática relacionada con estas vías na nosa zona. Amancio Castro escribe sobre a xunqueira do Covo e a súa transformación no tempo.

Dende a asociación Sirio, Ángel Valverde ensínanos a “Recuperar a emoción de ver o ceo” a través da súa experiencia persoal e do observatorio de Cotobade. Non falta tampouco a actualidade, a profesora Cristina Regueira fai unha detallada análise da crise económica que afecta ao mundo cunha serie de reflexións que van desde os aspectos históricos ás axencias de cualificación pasando pola débeda externa.

A entrevista a Pepe Ruibal serve para darnos a coñecer aspectos do Lérez e da Pontevedra de fai anos. Na mesma liña, outra serie de artigos achégannos ás vivencia da infancia, “ Cousas dos rapaces daquela época”, a unha viaxe inesquecible á Pena Corneira e unha crónica centrada na última exposición da asociación, amósanos o mundo das escolas e dos mestres dende finais do século XIX, da man de Xaime Iglesias. Non falta tampouco un completo artigo sobre as imaxes da muller pecadora na representación relixiosa, obra de Mercedes Gualteria Pintos, titulado “O canto das sereas. Unha iconografía da muller pecadora na catedral compostelá”. No campo educativo tamén poderemos coñecer a problemática dun tema de tanto interese como o dos nenos e nenas autistas. Escrito por Esther Núñez, e as seccións habituais de novos cultivos, humor, actividades, entre outras.

A asociación CEDOFEITA convida a asistir a esta presentación o martes ás oito na Galería Sargadelos.

domingo, 9 de octubre de 2011

Roteiro dos cruceiros de Lérez.



A Asociación sociocultural CEDOFEITA de Lérez, dentro das súas actividades encamiñadas a dar a coñecer o patrimonio cultural e artístico da bisbarra, vai levar a cabo unha nova edición dun roteiro centrado nos cruceiros da parroquia de Lérez. A asociación CEDOFEITA, respondendo a diversas peticións, pretende dar continuidade e estabilidade aos seus roteiros ao longo do ano, efectuando repeticións periódicas dos mesmos. O obxectivo do mesmo é dar a coñecer a riqueza artística e histórica dos mesmos ó tempo que servirá de convivencia a todas as persoas interesadas. Durante o roteiro poderanse contemplar as distintas tipoloxías destes monumentos: cruceiros, cruces de portal, adosados... Tamén se falará dos aspectos simbólicos que están detrás dos mesmos, da iconografía e doutras particularidades interesantes.

Na parroquia de Lérez existe un conxunto de trece cruceiros, neste roteiro visitaremos dez na parroquia de Lérez e un cruceiro e resto dun calvario na de Alba.

O roteiro terá como eixo principal o camiño vello ata O Castelo voltando por Casaldarado e A Santiña. Partirá da zona da bancada norte de Pasarón (xunto a Mercadona) ás 10 da mañá do próximo domingo día 16 de outubro de 2011. A duración estimada é de catro horas e a dificultade do recorrido é baixa.

Durante o roteiro, que será guiado, ofreceranse diferentes explicacións sobre os aspectos sinalados anteriormente. A Asociación sociocultural CEDOFEITA anima a todas as persoas interesadas a participar neste roteiro.

jueves, 4 de agosto de 2011

Exposición 2011

EXPOSICIÓN: APRENDE CACHOLA... Escolas e mestres de Lérez.

A asociación sociocultural CEDOFEITA de Lérez, organiza a súa tradicional exposición anual do verán. Nesta ocasión terá por título: “Aprende cachola... Escolas e mestres de Lérez” e, como o seu nome indica, tratará sobre as diversas escolas que existiron en Lérez dende finais do século XIX ata inicios da década dos setenta do século pasado, data na que se crearon os primeiros grupos escolares na nosa parroquia.
Esta é unha exposición para a lembranza. E as lembranzas transforman o pasado en presente, o que nos permite vivir dúas veces. Por iso, con esta mostra pretendemos vivir de novo imaxes, talvez esquecidas, daquelas escolas polas que pasamos ou pasaron os nosos maiores e gozar delas e doutras que se lle asocian.
Sobre paneis, móstrase unha colección de fotografías da época, individuais e colectivas, de lerezáns e lerezás no seu tempo de escolares e das escolas que houbo en Lérez ó longo dos primeiros setenta anos do século pasado. Inclúense tamén notas sobre a evolución da rede de escolas da parroquia, así como de mestres que exerceron nelas. A mostra, en conxunto, permítenos non só ter un mínimo coñecemento dos sistemas educativos daquela época, senón tamén situar no tempo e no seu ambiente os diferentes elementos que se exhiben.
A exposición mostra unha pequena e concreta evocación dun pasado recente no ámbito do ensino, que vai provocar recordos e espertar sentimentos a quen a visita. Por unha parte, poderán observarse unha serie de elementos que noutrora eran propios dunha aula e que nos sitúan nos anos 40 do século pasado. Pupitres cos seus tinteiros e plumas, mapas, bandeira española, cadros de José Antonio e Franco, todo presidido por un crucifixo, símbolo da escola confesional.
Outros obxectos, tamén relacionados co ensino pasado, expóñense sobre mesados: libros de utilidade e formato diverso, cadernos realizados polos alumnos, cartillas de escolaridade de nenos e outras de nenas, “traballos manuais” feitos por alumnos e “labores” realizados por alumnas, así como o peto do “domund”, paleta de pegar e outros elementos propios da escola de antano.
Estamos seguros de que a visita a esta exposición espertará saudosos recordos de amigos, de anécdotas e de mestres, porque, felizmente, a memoria é selectiva e procura lembrar maiormente os aspectos positivos da vida. Pero non debemos esquecer, iso si, só por un momento, que as escolas de tempos pasados eran lugares que, en moitos casos, non reunían as mínimas condicións hixiénicas, onde escaseaba o material necesario, onde a nosa lingua e a nosa cultura estiveron ausentes e mesmo desprezadas e os castigos e maltrato ao alumnado estaban presentes en moitos casos..
A colaboración dos veciños e veciñas de Lérez foi, como sempre, moi alta facilitando fotografías, obxectos e datos polo que CEDOFEITA lles mostra o seu agradecemento.
A exposición terá lugar no mosteiro de Lérez, cedido desinteresadamente polo cura párroco D. Crisanto Rial, e o acto de inauguración será o xoves día 4 de agosto ás once da mañá.
Esta mostra estará aberta os días 4, 5, 6 e 7 de agosto en horario de mañá de 11 a 14 horas e de tarde de 19 a 22.
A asociación sociocultural CEDOFEITA convida a todos os pontevedreses a visitar esta exposición que, con carácter aberto e gratuíto, se celebrará nos vindeiros días.



viernes, 13 de mayo de 2011

Actividades previstas


Roteiros
Roteiro ó monte Castelo. (Realizado)
Cruceiros de Lérez. A realizar en setembro/outubro.
Viaxe cultural
12 de xuño, domingo. Visita ao castro de Viladonga, pedregal de Irimia, S. Paio de
Narla... Data límite para anotarse: 4 de xuño.
Exposición
5, 6, 7 e 8 de agosto. Escolas e escolantes de Lérez.
Feira franca
Participaremos cun obradoiro de elaboración tradicional de papel a partires de palla.
3 de setembro.
Xornadas micolóxicas.
Sábado 5 de novembro, saída guiada ao monte.
Revista.
Edición do número 15 de Cedofeita.
Están previstas outras actividades que se anunciarán oportunamente.

sábado, 22 de enero de 2011

O premio nos xornais

En todos os xornais aparecen fotografías e crónicas do acto de entrega dos premios Cidade de Pontevedra. Como mostra, poñemos a continuación a foto de portada do Diario de Pontevedra do 21 de xaneiro.


jueves, 20 de enero de 2011

Entrega do premio Cidade de Pontevedra


Palabras do presidente de CEDOFEITA na entrega dos premios Cidade de Pontevedra:


Ilustrísimo señor alcalde, señoras e señores concelleiros, autoridades, amigas e amigos:

En primeiro lugar, queremos agradecer á Federación de Veciños Teucro por propoñernos ao premio Cidade de Pontevedra, ao xurado por considerarnos merecedores desta distinción e ao concello como institución que o patrocina. Tamén queremos lembrar neste momento ás demais asociacións e persoas que foron propostas e, nesta ocasión, non resultaron galardoadas.

A asociación sociocultural CEDOFEITA quere compartir este premio coas asociacións e persoas que están levando a cabo un traballo cultural de base no noso concello, que como todo traballo desinteresado para a sociedade, non sempre é recoñecido por esta pero que a súa existencia é importante e imprescindible.

Cedofeita ten o seu berce nunha parroquia como Lérez, orgullosa da súa singularidade e solidaria cos demais e síntese herdeira da súa historia. Xa o seu nome, Cedofeita, ven daquela Citofacta, torre, castelo ou recinto fortificado do que xa nos falan as crónicas medievais e que, alá polo século IX, servía de vixía e protección aos moradores dunha Pontevedra da que aínda non existían referencias documentais; torre que, coa axuda sobrenatural en forma de raio que lle prestou o apóstolo Santiago, foi conquistada aos portugueses por Fernando II, o rei que concedeu o foro á nosa cidade.

Lérez, que no seu mosteiro de bieitos acolleu, nun domingo de paixón do ano 1113, a celebración da consagración dos bispos de Mondoñedo e Porto oficiada polo arcebispo de Braga, Mauricio, coa presenza seu rival, o Arcebispo Xelmírez de Compostela, acompañados de varios prelados e cóengos. Como di a Historia Compostelana “¡Con canta e que reverencial luz dos cóengos da igrexa de Santiago resplandeceu a igrexa de Lérez, que aquel día chegou a ser tan memorábel!. Resplandor que séculos máis tarde renovarán os padres Feixóo e Sarmiento.

Considerámonos herdeiros daqueles lerezáns que, a finais do século XIX, fundaron a primeira sociedade de agricultores de Galicia, sociedade que non se pechou sobre si mesma, senón que liderou o movemento agrario pontevedrés e galego do primeiro terzo do século pasado, con líderes como Valentín Peña, Ramón Abilleira, Juan Magdalena, Víctor Moldes ou Manolo Gama, e que editou un periódico propio co título de La Glosopeda.

Tamén nos sentimos herdeiros dos conveciños que articularon unha Caixa Rural, que non só era depositaria dos diñeiros dos agricultores da bisbarra e da Federación Obreira pontevedresa, senón que tiña cooperativa propia , que foi pioneira na introdución de novas especies vexetais e de abonos modernos e atreveuse coa publicación dunha revista técnica agrícola que se chamou Vida Agraria.

Somos partícipes tamén daquel Lérez acolledor de xentes de diversa condición, do inesquecíbel Barriga Verde e os seus monicreques, de feirantes e xentes da moina, dos carteiristas que nos deron sona como Venerando ou Catro Ollos, pois todos eles forman tamén parte da nosa historia.

Herdeiros ¡como non! da entidade recreativa Juventud Lerezana, fundada no 1929, pioneira no recoñecemento da igualdade de dereitos de homes e mulleres e que definía nos estatutos, como misión principal, que o local estivese aberto polas noites para que os seus socios puideran adicarse á lectura de libros e xornais.

E así podíamos continuar ata hai poucos anos, cando Lérez tivo que defender a propiedade comunal e o patrimonio ambiental das súas xunqueiras o que non foi obstáculo, antes ao contrario, para compartilas xenerosamente con todos os pontevedreses como equipamentos públicos, educativos e de lecer .

E para rematar, quero manifestar que o premio Cidade de Pontevedra é un estímulo para continuarmos sendo unha entidade plural, aberta a diferentes sensibilidades, porque, nunha sociedade complexa, a pluralidade sempre é enriquecedora e tamén para reafirmarnos no compromiso coa defensa e divulgación do noso patrimonio cultural, histórico e ambiental.

Grazas e unha aperta.

martes, 11 de enero de 2011

Premio Cidade de Pontevedra

O xurado do premio Cidade de Pontevedra acaba de concederllo, no seu apartado de personas xurídicas, á nosa asociación.
Cedofeita quere dar as grazas á entidade que fixo a proposta (Federación de Veciños Teucro), aos membros do xurado que nos consideraron merecedores de tal distinción e ao concello de Pontevedra como entidade que os concede.
Consideramos que con este premio non só se está recoñecendo o labor de CEDOFEITA, senón tamén a todas as asociacións do concello de Pontevedra que comparten con nós un traballo cultural de base, de investigación e divulgación, tan necesario. Compartimos con estas asociacións e persoas, compañeiras nesta tarefa, o noso premio.
Queremos tamén participar da alegría dos nosos asociados e asociadas, amigos e amigas da nosa asociación porque son quen nos dan azos para continuar co noso labor.
Grazas.