jueves, 20 de abril de 2017

Representación de "A Lola"


A asociación socio cultural CEDOFEITA de Lérez na súa programación dos Venres Culturais contará o vindeiro venres, día 28, ás oito e media da tarde e na Casa da Cultura de Lérez coa actuación do grupo AVELAÍÑA Teatro que porá en escena a obra “A Lola” da autoría de Manuel Ayán.
A Lola son todas as mulleres que sobreviviron aos seus maridos, arrebatados polo terror franquista.
O relato xoga co presente (mediados dos anos sesenta) e o pasado ( os anos da 2ª República e os inmediatamente posteriores ao golpe militar de xullo de 1936). A súa trama está determinada polo que se denomina "pasado non ausente" ou sexa, polo feito de que o sucedido nos anos da represión postgolpe segue a determinar as vidas e as condutas de varias xeracións, porque o silencio sobre aqueles feitos impide a superación do trauma.
David e Teresa, mozos abertos aos novos aires que comezan a infiltrarse na sociedade española, deciden casar e visitan a casa nativa para comunicarllo a seus pais. Pero os traumas do pasado seguen presentes: a historia dos pais de Teresa, familia comprometida dende o primeiro momento co novo réxime e a dos pais de David, identificados cos ideais republicanos, frustran os desexos dos mozos.
Na obra recréase o ambiente, ideais e confrontacións entre dúas formas de entender a sociedade: os valores da tradición patriarcal e escolástica dos golpistas fronte ás ideas constitucionais de progreso e liberdade.
A entrada será de balde e libre ata completar o aforo.




martes, 4 de octubre de 2016

Presentación revista CEDOFEITA nº 20.


O vindeiro xoves, día seis de outubro, na Casa das Campás, ás oito da tarde, a asociación sociocultural CEDOFEITA presentará en Pontevedra o número 20 da revista CEDOFEITA. O acto contará coas intervencións de tres dos autores de artigos do número: Loli Beloso, autora do artigo “Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda: compromiso con todo o que fai ben” sobre esta parella de escritores tan relacionados coas nosas letras; Amancio Castro, que en coautoría con José Carlos Ríos e Juan Ramón López colaborou co artigo “A voltas polo Lérez” no que nos propoñen unha interesante proposta de roteiros polo Lérez relacionándoos co famoso problema matemático das sete pontes de Könisberg e Xosé Álvarez co artigo: “ O mosteiro de Lérez. Aspectos económicos” no que nos achega ás propiedades que tivo dito mosteiro e aspectos como os foros, as cargas señoriais, extensión territorial, etc.
Ademais, neste número trátanse temas de carácter histórico: Xosé Abilleira sobre o primeiro abade de Lérez Guntado, Mateo Fontán sobre a historia do Pontevedra C.F. e Alfonso Mumary sobre a heráldica pontevedresa; María Abelleira escribe sobre a toponimia como valor cultural; sobre literatura, José Manuel Ramos achéganos ao poeta lerezán J. Bautista Andrade, Loli Tobío a Manuel María como home e poeta e Teresa Fraga ofrécenos os seus poemas. Sobre a memoria de Lérez, Benigno García conta a historia dunha casa de acollida duns emigrantes en América e Mª del Carmen Pereira achéganos a lembranza da súa avoa. Juan Casalderrey proporciona unha interesante lección sobre os diversos tipos de palletas e pallóns de gaita. Non faltan tampouco as seccións habituais de humor, novos cultivos, actividades, etc.
A asociación convida a todos os pontevedreses e pontevedresas a asistir a este acto e a compartir este novo número de Cedofeita.

jueves, 4 de agosto de 2016

Exposición anual de agosto. 2016.

Inauguración da exposición adicada ao fotógrafo RODRI, estará aberta no mosteiro de Lérez ata o día 8 en horario de mañá (11 a 14) e de tarde (19-22).

jueves, 28 de abril de 2016

Venres cultural adicado a Manuel María.

NOTA DE PRENSA
Venres Culturais Cedofeita
A Asociación Cedofeita organiza un acto en homenaxe a Manuel María
Dentro do ciclo dos “Venres Culturais Cedofeita”, o do vindeiro día 29,
terá como protagonista a Manuel María, poeta, narrador e dramaturgo de
recoñecido prestixio e extensa obra, cun profundo compromiso con Galicia.
Ademais, é o autor escollido pola Real Academia Galega para ser o
protagonista das Letras Galegas do presente ano.
Como vén sendo habitual, a cita será na Casa da Cultura de Lérez, ás
20,30 h. Nesta ocasión Cedofeita conta coa colaboración do Colexio de Lérez,
algúns de cuxos alumnos/as poñerán voz a versos do poeta da Terra Cha.
A presentación o acto correrá a cargo de Xaime Iglesias e Loli Tobío,
licenciada en Filoloxía Hispánica e relacionada co mundo da literatura, ofrecerá
aos asistentes unha visión do percurso vital e literario do escritor
homenaxeado. Pecharán o acto os escolares de Lérez brindando ao público
unha escolma do poemario de Manuel María, “Os soños na gaiola”.
O próximo “Venres Cultural” presentará a Montse Fajardo, quen
pronunciará unha conferencia baixo o título "A represión sobre as mulleres tras
o golpe de estado do 36" Será o 27 de maio, ás 20:30 h., na Casa da Cultura
de Lérez. Coma sempre, a entrada será de balde ata completar aforo.
Lérez, 26 de abril de 2016

lunes, 14 de marzo de 2016

Venres culturais: Historia e economía do mosteiro de Lérez.

A asociación sociocultural de Lérez CEDOFEITA continúa coas actividades das xornadas de conmemoración do 1100 aniversario da fundación do mosteiro bieito de San Salvador de Lérez. Despois da excelente acollida que tivo a charla sobre os aspectos arquitectónicos e artísticos, tócalle agora tratar outros aspectos como a historia e a economía, que correrá a cargo de Xosé Álvarez Castro, profesor de historia e autor de diversos libros e  publicacións . Na charla trataranse cun enfoque divulgativo diversos momentos da vida do mosteiro: a fundación, actos solemnes que alí tiveron lugar, os momentos menos brillantes cos abades comendatarios, etc. No apartado da economía farase un repaso ás propiedades do mosteiro en diversas localidades da provincia, aos distintos tipos de explotación das mesmas, inventarios, dereitos señoriais, entre outros temas.
A charla terá lugar na Casa da Cultura de Lérez, o vindeiro VENRES, DÍA 18 de marzo ás oito e media da tarde e con entrada de balde.

miércoles, 27 de enero de 2016

Venres cultural xaneiro 2016


A Asociación Cedofeita retoma a conferencia
"O marabilloso legado cultural e humano de Isaac Díaz Pardo”
da escritora Loli Beloso

A conferencia, "O marabilloso legado cultural e humano de Isaac Díaz Pardo”, que fora suspendida o pasado mes de novembro a causa do pasamento de Neira Vilas, será pronunciada pola escritora Loli Beloso Neira o próximo venres, día 29 do presente mes, ás 20,30 h., na Casa da Cultura de Lérez.

Loli Beloso naceu nunha aldea da provincia da Coruña, pero desde moi nena criouse na parroquia de Tomeza (Pontevedra) cuns tíos seus que non tiñan fillos. Aos oito anos ingresou nunha escola da vila de Pontevedra que non lle gustaba nada porque botaba de menos aos seus amigos e a súa aldea.

A vocación de escritora vénlle desde aquela, pois no colexio, debaixo dunha roseira, escribía as súas cousas que a facían soñar e ser feliz e, aos nove anos, déronlle un premio nun concurso de redacción. Leva escrito tres libros dirixidos á infancia sobre tres personaxes galegos de gran carisma: Isaac Díaz Pardo para as nenas e nenos galegos”, “Luís Seoane para nenos” e vén de presentar recentemente Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos”

Os beneficios que se deriven da venda destas publicacións irán destinados integramente á Fundación de Medicina Xenómica que dirixe o Dr. Ángel Carracedo da Universidade de Santiago, o que pon de manifesto a extraordinaria calidade persoal e humana da autora.

Na conferencia que impartirá na Casa da Cultura de Lérez, Loli Beloso tentará,dar a coñecer a Isaac Díaz Pardo desde os puntos de vista humano e cultural, coa intención de que sempre sexa lembrado e querido, pois, como ben di, o esquecemento é o que verdadeiramente causa a morte.

Os próximos “Venres Culturais” estarán dedicados ao mosteiro de Lérez (arte, historia, economía) que neste ano cumpre mil cen anos da súa fundación. Serán os días 26 de febreiro e 18 de marzo, ás 20:30 h., na Casa da Cultura de Lérez e terán como relatores a Xaime Iglesias e Xosé Álvarez. Coma sempre, a entrada será de balde ata completar aforo.
Lérez, 25 de xaneiro de 2016.



martes, 22 de septiembre de 2015

Presentación nº 19 da revista CEDOFEITA

O venres 26 de setembro, ás 8 e media, na Casa da Cultura de Lérez.