miércoles, 27 de enero de 2016

Venres cultural xaneiro 2016


A Asociación Cedofeita retoma a conferencia
"O marabilloso legado cultural e humano de Isaac Díaz Pardo”
da escritora Loli Beloso

A conferencia, "O marabilloso legado cultural e humano de Isaac Díaz Pardo”, que fora suspendida o pasado mes de novembro a causa do pasamento de Neira Vilas, será pronunciada pola escritora Loli Beloso Neira o próximo venres, día 29 do presente mes, ás 20,30 h., na Casa da Cultura de Lérez.

Loli Beloso naceu nunha aldea da provincia da Coruña, pero desde moi nena criouse na parroquia de Tomeza (Pontevedra) cuns tíos seus que non tiñan fillos. Aos oito anos ingresou nunha escola da vila de Pontevedra que non lle gustaba nada porque botaba de menos aos seus amigos e a súa aldea.

A vocación de escritora vénlle desde aquela, pois no colexio, debaixo dunha roseira, escribía as súas cousas que a facían soñar e ser feliz e, aos nove anos, déronlle un premio nun concurso de redacción. Leva escrito tres libros dirixidos á infancia sobre tres personaxes galegos de gran carisma: Isaac Díaz Pardo para as nenas e nenos galegos”, “Luís Seoane para nenos” e vén de presentar recentemente Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos”

Os beneficios que se deriven da venda destas publicacións irán destinados integramente á Fundación de Medicina Xenómica que dirixe o Dr. Ángel Carracedo da Universidade de Santiago, o que pon de manifesto a extraordinaria calidade persoal e humana da autora.

Na conferencia que impartirá na Casa da Cultura de Lérez, Loli Beloso tentará,dar a coñecer a Isaac Díaz Pardo desde os puntos de vista humano e cultural, coa intención de que sempre sexa lembrado e querido, pois, como ben di, o esquecemento é o que verdadeiramente causa a morte.

Os próximos “Venres Culturais” estarán dedicados ao mosteiro de Lérez (arte, historia, economía) que neste ano cumpre mil cen anos da súa fundación. Serán os días 26 de febreiro e 18 de marzo, ás 20:30 h., na Casa da Cultura de Lérez e terán como relatores a Xaime Iglesias e Xosé Álvarez. Coma sempre, a entrada será de balde ata completar aforo.
Lérez, 25 de xaneiro de 2016.



No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada