lunes, 25 de octubre de 2010

Saída a por cogomelos

Este sábado, día 30 de outubro efectuaremos unha saída para a busca e recoñecemento de cogomelos. Xuntarémonos diante do local social (antigo Teleclub) ás 9 da mañá.

domingo, 1 de agosto de 2010

Exposición anual

A Asociación Sociocultural Cedofeita de Lérez presenta, un ano máis, a
súa exposición. Nesta ocasión leva por título
CEDOFEITA: as raíces
medievais
e o tema da mesma xira ó redor da fortaleza medieval que con
ese nome se localizaba no monte Castelo (Lérez) e que, por desgracia,
segue a ser unha grande descoñecida para os pontevedreses en xeral, a
pesar da importancia que tivo na época medieval.

A mostra fai un repaso ás circunstancias históricas deste enclave, dende
as primeiras referencias documentais aparecidas na doazón que o rei
OrdoñoII fai a Guntado, abade do mosteiro de Lérez, no ano 916, ata os
traballos publicados nos últimos tempos.

Non deixa de lado a documentación contida no Tombo A da catedral de
Santiago, na que aparece a “exquisitio magna” de Afonso V, no ano 1019,
na que fai referencia á edificación da torre de Cedofeita polo bispo
Sisnando. Tamén é moi importante a doazón que fai o rei Fernando II – o
que concede o foro á cidade de Pontevedra- da fortaleza de Cedofeita á
igrexa compostelá, logo de ser recuperada das mans das tropas
portuguesas de Afonso Henriques. Esta recuperación ten unha compoñente
milagrosa a través dun raio que aterra os ocupantes portugueses e
facilita a conquista incruenta da fortaleza.

Numerosos documentos e ilustracións de cada etapa da súa historia, están
presentes nos doce paneis de que consta a exposición. Tampouco faltan as
referencias ó estado actual do lugar de asentamento de Cedofeita e ós
vestixios arqueolóxicos que nos falan da antigüidade da poboación desta
zona.

A exposición terá lugar no mosteiro de Lérez, dende o día 5 ó 8 de agosto, ambos incluídos, en horario de 11 a 14 horas polas mañás e de 7 a 10 da tarde.

O acto de inauguración terá lugar o xoves día 5 ás once da mañá e de
seguido haberá unha interpretación musical de Manuel Franco, da Cendona-Lérez. O día 6, ás oito da tarde ofrecerá un recital ó piano o músico lerezán, do lugar do Castelo, Severiano Casalderrey.

A asociación sociocultural CEDOFEITA convida a todos a visitar esta
mostra que ten carácter libre e de balde.

jueves, 15 de abril de 2010

Actividades para o ano 2010

En asemblea celebrada o pasado 11 de marzo aprobouse o plano de actividades da nosa asociación para o presente ano 2010 e que participamos a todas as persoas interesadas:


Roteiros:

      • 25 de abril, domingo. Cruceiros de Lérez. Saída ás 10 da mañá da grada norte de Pasarón. Tempo aproximado 4 horas.

      • 23 de maio, domingo. Polas beiras do Lérez. Saída ás 10 da mañá diante da Facultade de Ciencias Sociais. Tempo aproximado 4 horas.

Viaxe cultural:

          • 6 de xuño, domingo. Terras de Fisterra e visita a lugares de interés da zona con comida nun restaurante. Poderán participar persoas interesadas con prioridade para os asociados. Data límite para anotarse 26 de maio. (Comunicar asistencia a calquera membro da directiva).


Exposición:

      • Días 5,6,7 e 8 de agosto. O tema versará sobre o castelo de Cedofeita (Lérez). Agradécese a colaboración e aportacións que cada socio/a considera oportuna.



Feira Franca:

      • A asociación participará cun obradoiro de oficios tradicionais de fabricación de papel. Sábado 4 de setembro.


Xornadas Micolóxicas:

      • Data prevista de realización o sábado 30 de outubro.


Revista:

      • Edición do número 14 da nosa revista. Pregamos que todas as persoas interesadas en participar na súa elaboración se poñan en contacto con algún directivo antes do día 15 de setembro.



Poderánse realizar outro tipo de actividades que serán anunciadas oportunamente. A asociación conta cunha páxina web : http://cedofeita.arcanaverba.org e cun blog http://cedofeitadelerez.blogspot.com

domingo, 3 de enero de 2010

No funeral de Gonzalo Jar

Onte a igrexa de San Salvador de Lérez quedou pequena para acoller aos centos de persoas que acudiron a dar o último adeus a Gonzalo Jar. Foron moitas as que seguiron o acto dende o adro. Unha das súas fillas leu a manda testamentaria que deixara escrita, ao rematar soaron os aplausos.

Manda testamentaria de Gonzalo Jar Couselo. Publicada no libro: En galego, agora e sempre, editado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

Ós dezasete anos, con moita morriña e máis medo ó descoñecido, saín da miña casa de Lérez para comezar unha vida profesional, a de garda civil, que, salvo a paréntese de dous anos en Lugo, ía obrigarme a ter que vivir lonxe dese pequeno paraíso que entón era todo o que estaba á beira dun engaiolante río Lérez. Atrás deixaba os meus pais, pero sobre todo a miña avoa Xoana, unha velliña que morrería dous anos máis tarde e que nos deixaba a toda familia, precisamente por non saber falar outra lingua, a mellor herdanza que nos podía transmitir, o emprego permanente do galego como única maneira de comunicarmos entre nós. Moito tempo despois descubriría o privilexio que supón desenvolver os primeiros anos dunha vida con dúas linguas sen ningún esforzo para o neno que era. Unha vez casado cunha dona non galega, a chegada de dúas fillas plantexoume a dúbida de como tería que facer para que esa herdanza que me fora transmitida non morrera de maneira definitiva, así que, desde ben pequenas e coa complicidade da miña muller, puxen en marcha un plan, vixente deica hoxe, que consistía en falarlles sempre en galego aínda que elas me responderan en castelán. Pasaron os anos e a maior, Ana, hoxe alta funcionaria do Estado, tras estudar na escola de idiomas de Madrid cinco anos de galego é xa unha verdadeira defensora da nosa lingua; en canto á pequena, Marta, xornalista, custoulle un pouco máis a entrada nese mundo, pero un Erasmus en Lisboa tróuxoma ó noso eido pola vía do portugués. É así como, cando se aproxima o intre de facer testamento, quero pedirlle a ámbalas dúas que, de igual maneira que recibiron ese privilexio, se comprometan ante a xeración que lles precedeu a manter viva o que consideramos é o mellor legado que se lle pode facer a unha persoa.

Os xornais deron conta do acto: http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2010/01/03/adios-hombre-solidario/399906.html