jueves, 4 de agosto de 2011

Exposición 2011

EXPOSICIÓN: APRENDE CACHOLA... Escolas e mestres de Lérez.

A asociación sociocultural CEDOFEITA de Lérez, organiza a súa tradicional exposición anual do verán. Nesta ocasión terá por título: “Aprende cachola... Escolas e mestres de Lérez” e, como o seu nome indica, tratará sobre as diversas escolas que existiron en Lérez dende finais do século XIX ata inicios da década dos setenta do século pasado, data na que se crearon os primeiros grupos escolares na nosa parroquia.
Esta é unha exposición para a lembranza. E as lembranzas transforman o pasado en presente, o que nos permite vivir dúas veces. Por iso, con esta mostra pretendemos vivir de novo imaxes, talvez esquecidas, daquelas escolas polas que pasamos ou pasaron os nosos maiores e gozar delas e doutras que se lle asocian.
Sobre paneis, móstrase unha colección de fotografías da época, individuais e colectivas, de lerezáns e lerezás no seu tempo de escolares e das escolas que houbo en Lérez ó longo dos primeiros setenta anos do século pasado. Inclúense tamén notas sobre a evolución da rede de escolas da parroquia, así como de mestres que exerceron nelas. A mostra, en conxunto, permítenos non só ter un mínimo coñecemento dos sistemas educativos daquela época, senón tamén situar no tempo e no seu ambiente os diferentes elementos que se exhiben.
A exposición mostra unha pequena e concreta evocación dun pasado recente no ámbito do ensino, que vai provocar recordos e espertar sentimentos a quen a visita. Por unha parte, poderán observarse unha serie de elementos que noutrora eran propios dunha aula e que nos sitúan nos anos 40 do século pasado. Pupitres cos seus tinteiros e plumas, mapas, bandeira española, cadros de José Antonio e Franco, todo presidido por un crucifixo, símbolo da escola confesional.
Outros obxectos, tamén relacionados co ensino pasado, expóñense sobre mesados: libros de utilidade e formato diverso, cadernos realizados polos alumnos, cartillas de escolaridade de nenos e outras de nenas, “traballos manuais” feitos por alumnos e “labores” realizados por alumnas, así como o peto do “domund”, paleta de pegar e outros elementos propios da escola de antano.
Estamos seguros de que a visita a esta exposición espertará saudosos recordos de amigos, de anécdotas e de mestres, porque, felizmente, a memoria é selectiva e procura lembrar maiormente os aspectos positivos da vida. Pero non debemos esquecer, iso si, só por un momento, que as escolas de tempos pasados eran lugares que, en moitos casos, non reunían as mínimas condicións hixiénicas, onde escaseaba o material necesario, onde a nosa lingua e a nosa cultura estiveron ausentes e mesmo desprezadas e os castigos e maltrato ao alumnado estaban presentes en moitos casos..
A colaboración dos veciños e veciñas de Lérez foi, como sempre, moi alta facilitando fotografías, obxectos e datos polo que CEDOFEITA lles mostra o seu agradecemento.
A exposición terá lugar no mosteiro de Lérez, cedido desinteresadamente polo cura párroco D. Crisanto Rial, e o acto de inauguración será o xoves día 4 de agosto ás once da mañá.
Esta mostra estará aberta os días 4, 5, 6 e 7 de agosto en horario de mañá de 11 a 14 horas e de tarde de 19 a 22.
A asociación sociocultural CEDOFEITA convida a todos os pontevedreses a visitar esta exposición que, con carácter aberto e gratuíto, se celebrará nos vindeiros días.