A asociación socio cultural CEDOFEITA de Lérez presentará o vindeiro martes, día 29 de novembro, o último número da súa revista CEDOFEITA. O acto terá lugar na sala SARGADELOS da rúa da Oliva ás OITO da noite. Contará coa intervención dalgúns dos autores que colaboran neste número que fai o 15 da revista.
Como é habitual, a diversidade de contidos caracteriza a esta revista cunha especial atención aos aspectos de investigación histórica e ambiental referidos á nosa bisbarra ou de interese máis xeral. Xosé Abilleira continúa coa divulgación da documentación sobre o castelo de Cedofeita e, nesta ocasión, analiza os escritos de Frei Prudencio de Sandoval sobre a documentación da doazón de dita fortaleza no ano 1169. Benigno García, neste ano no que se cumpre o centenario do histórico conflito entre as cidades de Vigo e Pontevedra ó redor das acrobacias do aviador Garnier, escribe unha completa crónica do sucedido naqueles días e a repercusión do enfrontamento que fixo intervir ao mesmísimo presidente do goberno español; achéganos, polo tanto, a un episodio descoñecido pola maioría dos pontevedreses. Na mesma liña , Xosé Álvarez dános a coñecer a “Calzada” ou Via Romana no tramo que discorre por Lérez e, en ton divulgativo, a problemática relacionada con estas vías na nosa zona. Amancio Castro escribe sobre a xunqueira do Covo e a súa transformación no tempo.
Dende a asociación Sirio, Ángel Valverde ensínanos a “Recuperar a emoción de ver o ceo” a través da súa experiencia persoal e do observatorio de Cotobade. Non falta tampouco a actualidade, a profesora Cristina Regueira fai unha detallada análise da crise económica que afecta ao mundo cunha serie de reflexións que van desde os aspectos históricos ás axencias de cualificación pasando pola débeda externa.
A entrevista a Pepe Ruibal serve para darnos a coñecer aspectos do Lérez e da Pontevedra de fai anos. Na mesma liña, outra serie de artigos achégannos ás vivencia da infancia, “ Cousas dos rapaces daquela época”, a unha viaxe inesquecible á Pena Corneira e unha crónica centrada na última exposición da asociación, amósanos o mundo das escolas e dos mestres dende finais do século XIX, da man de Xaime Iglesias. Non falta tampouco un completo artigo sobre as imaxes da muller pecadora na representación relixiosa, obra de Mercedes Gualteria Pintos, titulado “O canto das sereas. Unha iconografía da muller pecadora na catedral compostelá”. No campo educativo tamén poderemos coñecer a problemática dun tema de tanto interese como o dos nenos e nenas autistas. Escrito por Esther Núñez, e as seccións habituais de novos cultivos, humor, actividades, entre outras.
A asociación CEDOFEITA convida a asistir a esta presentación o martes ás oito na Galería Sargadelos.
Primeiro darlles os parabéns por este novo número da revista Cedofeita, alédome que o voso proxecto cultural siga en marcha, e que tódolos cidadáns da bisbarra de Pontevedra teñamos acceso á información histórica da nosa comunidade.
ResponderEliminarEn segundo lugar gustaríame saber se colgaredes pronto en Internet o novo número da revista, xa que estou no estranxeiro e é o único xeito de poder lela.
Un saúdo afectuoso.