Venres
Culturais Cedofeita
Recital
de poesía na Casa da Cultura de Lérez.
O
próximo venres, 28 de novembro, ás
20,30 h., na Casa da Cultura de Lérez, a Asociación Sociocultural
Cedofeita presenta un recital de poesía no que declamarán Carmen
Blanco Rodríguez, Teresa Fraga Couto e Carlos Casalderrey García,
os tres veciños de Lérez.
Carmen
Blanco naceu no Castelo, emigrou a Venezuela e de volta rexentou unha
taberna no lugar do Cimbelo onde vive actualmente. O seu interese
pola cultura levouna a asistir a clases de adultos e diversos cursos,
a participar en representacións teatrais como “Os vellos non deben
de namorarse” e “O
enfermo imaxinario” e á lectura de libros que, se cadra, non tivo
oportunidade de ler de moza, sentindo unha predilección especial
pola poesía. Nesta ocasión recitará poemas de Juan Ramón JIménez,
Manuel María e un moi especial que a filla Maricarme lle dedicou o
día do seu aniversario, que leva por título “A
nena Carme, a avoa Carme”.
Teresa
Fraga naceu en Santo André de Xeve, pero leva vivindo entre nós
desde que casou en 1952. Traballou no campo, coseu para un almacén e
vendeu nas feiras a roupa que ela confeccionaba. Ó
xubilarse, comeza a realizar unha serie de actividades de lecer como
ximnasia e teatro. Tivo éxito coa súa incursión no cine, non en
van foi galardoada no IX Festival de Cans (2012) co premio do xurado
á mellor interpretación feminina pola curtametraxe “Dúas
Letras”, da que era a actriz protagonista. Actualmente canta no
coro da igrexa. Na tarde do venres deleitaranos con poemas da súa
propia autoría, que comezou a escribir como terapia fronte á
desventura de quedar viúva. Son poemas cheos de sentimento e amor
como “Din que se acaba o amor”, “Esa Mirada” ou “Vivencia”.
Carlos
Casalderrey, aínda que vive en Pontevedra, non esquece que naceu no
Arco. Ferreiro, mecánico e pintor, coñeceu o amargor e a dozura da
emigración a Francia onde, daquela, comprobou a existencia dunha
vida máis libre, digna e organizada. Carlos, amante do saber, é
lector de novelas, ensaios históricos e poesía. Participou no grupo
de teatro do centro social da extinta Caixa Galicia e canta no coro
do Burgo. Con poemas de Cabanillas, Manuel María, Álvarez Blázquez
e do portugués Eugénio de Andrade cerrará o recital que será
seguido dun coloquio entre os asistentes.
A
Asociación Cedofeita convida a todas as persoas interesadas na
declamación a asistir a este evento entrañable, lembrando que, como
é habitual nos “Venres Culturais”, a entrada será de balde ata
completar aforo.
Pontevedra,
23 de novembro de 2014.