jueves, 20 de abril de 2017

Representación de "A Lola"


A asociación socio cultural CEDOFEITA de Lérez na súa programación dos Venres Culturais contará o vindeiro venres, día 28, ás oito e media da tarde e na Casa da Cultura de Lérez coa actuación do grupo AVELAÍÑA Teatro que porá en escena a obra “A Lola” da autoría de Manuel Ayán.
A Lola son todas as mulleres que sobreviviron aos seus maridos, arrebatados polo terror franquista.
O relato xoga co presente (mediados dos anos sesenta) e o pasado ( os anos da 2ª República e os inmediatamente posteriores ao golpe militar de xullo de 1936). A súa trama está determinada polo que se denomina "pasado non ausente" ou sexa, polo feito de que o sucedido nos anos da represión postgolpe segue a determinar as vidas e as condutas de varias xeracións, porque o silencio sobre aqueles feitos impide a superación do trauma.
David e Teresa, mozos abertos aos novos aires que comezan a infiltrarse na sociedade española, deciden casar e visitan a casa nativa para comunicarllo a seus pais. Pero os traumas do pasado seguen presentes: a historia dos pais de Teresa, familia comprometida dende o primeiro momento co novo réxime e a dos pais de David, identificados cos ideais republicanos, frustran os desexos dos mozos.
Na obra recréase o ambiente, ideais e confrontacións entre dúas formas de entender a sociedade: os valores da tradición patriarcal e escolástica dos golpistas fronte ás ideas constitucionais de progreso e liberdade.
A entrada será de balde e libre ata completar o aforo.