domingo, 1 de agosto de 2010

Exposición anual

A Asociación Sociocultural Cedofeita de Lérez presenta, un ano máis, a
súa exposición. Nesta ocasión leva por título
CEDOFEITA: as raíces
medievais
e o tema da mesma xira ó redor da fortaleza medieval que con
ese nome se localizaba no monte Castelo (Lérez) e que, por desgracia,
segue a ser unha grande descoñecida para os pontevedreses en xeral, a
pesar da importancia que tivo na época medieval.

A mostra fai un repaso ás circunstancias históricas deste enclave, dende
as primeiras referencias documentais aparecidas na doazón que o rei
OrdoñoII fai a Guntado, abade do mosteiro de Lérez, no ano 916, ata os
traballos publicados nos últimos tempos.

Non deixa de lado a documentación contida no Tombo A da catedral de
Santiago, na que aparece a “exquisitio magna” de Afonso V, no ano 1019,
na que fai referencia á edificación da torre de Cedofeita polo bispo
Sisnando. Tamén é moi importante a doazón que fai o rei Fernando II – o
que concede o foro á cidade de Pontevedra- da fortaleza de Cedofeita á
igrexa compostelá, logo de ser recuperada das mans das tropas
portuguesas de Afonso Henriques. Esta recuperación ten unha compoñente
milagrosa a través dun raio que aterra os ocupantes portugueses e
facilita a conquista incruenta da fortaleza.

Numerosos documentos e ilustracións de cada etapa da súa historia, están
presentes nos doce paneis de que consta a exposición. Tampouco faltan as
referencias ó estado actual do lugar de asentamento de Cedofeita e ós
vestixios arqueolóxicos que nos falan da antigüidade da poboación desta
zona.

A exposición terá lugar no mosteiro de Lérez, dende o día 5 ó 8 de agosto, ambos incluídos, en horario de 11 a 14 horas polas mañás e de 7 a 10 da tarde.

O acto de inauguración terá lugar o xoves día 5 ás once da mañá e de
seguido haberá unha interpretación musical de Manuel Franco, da Cendona-Lérez. O día 6, ás oito da tarde ofrecerá un recital ó piano o músico lerezán, do lugar do Castelo, Severiano Casalderrey.

A asociación sociocultural CEDOFEITA convida a todos a visitar esta
mostra que ten carácter libre e de balde.