O vindeiro xoves,
día seis de outubro, na Casa das Campás, ás oito da tarde,
a asociación sociocultural CEDOFEITA presentará en Pontevedra o
número 20 da revista CEDOFEITA. O acto contará coas intervencións
de tres dos autores de artigos do número: Loli Beloso, autora do
artigo “Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda: compromiso con todo o
que fai ben” sobre esta parella de escritores tan relacionados
coas nosas letras; Amancio Castro, que en coautoría con José
Carlos Ríos e Juan Ramón López colaborou co artigo “A voltas
polo Lérez” no que nos propoñen unha interesante proposta de
roteiros polo Lérez relacionándoos co famoso problema matemático
das sete pontes de Könisberg e Xosé Álvarez co artigo: “ O
mosteiro de Lérez. Aspectos económicos” no que nos achega ás
propiedades que tivo dito mosteiro e aspectos como os foros, as
cargas señoriais, extensión territorial, etc.
Ademais, neste
número trátanse temas de carácter histórico: Xosé Abilleira
sobre o primeiro abade de Lérez Guntado, Mateo Fontán sobre a
historia do Pontevedra C.F. e Alfonso Mumary sobre a heráldica
pontevedresa; María Abelleira escribe sobre a toponimia como valor
cultural; sobre literatura, José Manuel Ramos achéganos ao poeta
lerezán J. Bautista Andrade, Loli Tobío a Manuel María como home e
poeta e Teresa Fraga ofrécenos os seus poemas. Sobre a memoria de
Lérez, Benigno García conta a historia dunha casa de acollida duns
emigrantes en América e Mª del Carmen Pereira achéganos a
lembranza da súa avoa. Juan Casalderrey proporciona unha interesante
lección sobre os diversos tipos de palletas e pallóns de gaita. Non
faltan tampouco as seccións habituais de humor, novos cultivos,
actividades, etc.
A asociación
convida a todos os pontevedreses e pontevedresas a asistir a este
acto e a compartir este novo número de Cedofeita.