Onte a igrexa de San Salvador de Lérez quedou pequena para acoller aos centos de persoas que acudiron a dar o último adeus a Gonzalo Jar. Foron moitas as que seguiron o acto dende o adro. Unha das súas fillas leu a manda testamentaria que deixara escrita, ao rematar soaron os aplausos.
Manda testamentaria de Gonzalo Jar Couselo. Publicada no libro: En galego, agora e sempre, editado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.
Ós dezasete anos, con moita morriña e máis medo ó descoñecido, saín da miña casa de Lérez para comezar unha vida profesional, a de garda civil, que, salvo a paréntese de dous anos en Lugo, ía obrigarme a ter que vivir lonxe dese pequeno paraíso que entón era todo o que estaba á beira dun engaiolante río Lérez. Atrás deixaba os meus pais, pero sobre todo a miña avoa Xoana, unha velliña que morrería dous anos máis tarde e que nos deixaba a toda familia, precisamente por non saber falar outra lingua, a mellor herdanza que nos podía transmitir, o emprego permanente do galego como única maneira de comunicarmos entre nós. Moito tempo despois descubriría o privilexio que supón desenvolver os primeiros anos dunha vida con dúas linguas sen ningún esforzo para o neno que era. Unha vez casado cunha dona non galega, a chegada de dúas fillas plantexoume a dúbida de como tería que facer para que esa herdanza que me fora transmitida non morrera de maneira definitiva, así que, desde ben pequenas e coa complicidade da miña muller, puxen en marcha un plan, vixente deica hoxe, que consistía en falarlles sempre en galego aínda que elas me responderan en castelán. Pasaron os anos e a maior, Ana, hoxe alta funcionaria do Estado, tras estudar na escola de idiomas de Madrid cinco anos de galego é xa unha verdadeira defensora da nosa lingua; en canto á pequena, Marta, xornalista, custoulle un pouco máis a entrada nese mundo, pero un Erasmus en Lisboa tróuxoma ó noso eido pola vía do portugués. É así como, cando se aproxima o intre de facer testamento, quero pedirlle a ámbalas dúas que, de igual maneira que recibiron ese privilexio, se comprometan ante a xeración que lles precedeu a manter viva o que consideramos é o mellor legado que se lle pode facer a unha persoa.
Os xornais deron conta do acto: http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2010/01/03/adios-hombre-solidario/399906.html
domingo, 3 de enero de 2010
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario