miércoles, 25 de febrero de 2015

Asemblea xeral e Venres Cultural



A Casa da Cultura de Lérez será o escenario da conferencia "Feísmo: enfermidade ou síntoma?” que pronunciará o antropólogo e xornalista Germán Ermida
Continuando coa programación dos xa habituais “Venres Culturais Cedofeita”, a Casa da Cultura de Lérez será o escenario da conferencia "Feísmo: enfermidade ou síntoma?” que pronunciará o antropólogo e xornalista Germán Ermida. Será o próximo venres, día 27 do presente mes, ás 20,30 h.
Desde hai quince anos, Germán Ermida vén desempeñando tarefas de redactor en Culturagalega.org, prestando unha especial atención aos campos da música, o asociacionismo cultural, o patrimonio, a banda deseñada e a literatura. En paralelo, desenvolve unha intensa tarefa no campo asociativo en diferentes entidades. Desde hai máis de vinte anos e ten colaborado en publicacións como "Tempos novos". "Novas da Galiza", "Sermos Galiza", "BD Banda", "Boletín galego de literatura" e "Adra". Tamén ten participado en charlas e mesas redondas sobre diversas cuestións.
Ademais. na actualidade mantén o blog http://donatural.blogaliza.org,onde reflexiona sobre diferentes cuestións vencelladas á identidade e ao patrimonio cultural. 
Na conferencia que impartirá na Casa da Cultura de Lérez, Germán Ermida tentará, con máis preguntas que respostas, abordar a complexa problemática do que se deu en chamar feísmo, termo aínda sen perfilar, que pode referirse a aquelas construcións e realizacións humanas caracterizadas por un alto grao de mediocridade.
Hoxe en día, os medios de comunicación e a propia administración presentan o feísmo como un problema urxente para a sociedade galega. No entanto, detrás desta idea existe toda unha serie de preconceptos, relacións de poder e cuestións sociais que non sempre resultan evidentes e que Germán Ermida pretende esclarecer formulando interrogantes como, até que punto o feísmo existe ou simplemente se quere ver? Quen determina o que é feo? E, detrás da uralita e do tixolo à vista, non haberá outros problemas máis graves? A conferencia irá acompañada de exemplos gráficos sobre os que debater estas e outras cuestións.
Para o próximo mes de marzo a programación de “Venres Culturais Cedofeita” ofrecerá a conferencia de Mercedes Torres sobre toponimia dos arredores de Pontevedra. Tamén terá lugar na casa da Cultura de Lérez, o venres, día 27, ás 20,30 h. Coma sempre, a entrada será de balde ata completar aforo.


Asemblea Xeral Ordinaria


Data: xoves, 12 de marzo de 2015.
Lugar: Local social. Casa da Cultura. R/ Leandro del Río 12
Hora: 9 da noite.(en 2ª e definitiva convocatoria)

Orde do día:

1.º Lectura da acta da sesión anterior e aprobación, se procede.
2ª Memoria de actividades realizadas.
3º Plano anual de actividades para 2015.
4º Estado de contas e orzamento para o próximo exercicio.
5º Rogos e preguntas.


Asemblea Xeral Extraordinaria


A continuación da asemblea sinalada anteriormente, terá lugar Asemblea Xeral Extraordinaria coa seguinte :

Orde do día:

Punto único: Elección de Xunta Directiva.

Nota: As candidaturas para Xunta Directiva poderán presentarse ata unha hora antes da hora de comezo da Asemblea Ordinaria ( 8 da noite) no local social ou dirixíndose ao secretario.

sábado, 24 de enero de 2015

Concerto en Lérez


Concerto da coral “Voces Amigas” de Mourente

na Casa da Cultura de Lérez

O próximo venres, 30 de xaneiro, ás 20,30 h., a coral “Voces Amigas” de Mourente dará un concerto na Casa da Cultura de Lérez, dentro da programación dos xa habituais “Venres Culturais Cedofeita”.

Esta coral, aínda que se rexistrou no ano 2011, xa comezara a súa andaina anos antes, sendo a súa presentación en agosto de 2009, no local de Sociedade Cultural Deportiva de Mourente, con motivo do cincuenta aniversario desta entidade. Naquela actuación, estrearon a creación propia “Mourente bendita terra”, que foi a admiración dos asistentes.

Dentro das súas moitas actuacións, cabe destacar as que vén realizando ano tras ano no Teatro Principal, coincidindo coas festas das letras galegas e de nadal, e na praza da Ferrería, pola Peregrina. Ademais ten actuado en varios auditorios e centros sociais de Galicia, en colaboración con concellos e coas deputacións de Pontevedra e A Coruña. A súa última actuación relevante tivo lugar no auditorio de Padrón o pasado mes de novembro co gallo do Festival de Santa Cecía.

Formada por trinta e dúas voces mixtas, está dirixida por Manuel Rey Lapido. A ilusión dos seus compoñentes é dobre. Por un lado, pasalo ben cantando toda clase de melodías e, polo outro, formar parte dunha das tradicións máis arraigadas de Galicia como é o canto coral

No concerto da casa de Cultura de Lérez deleitarannos co seguinte repertorio: “Popurrí galego nº 1”, arranxo de “Voces Amigas”; “Fisterra”, canción popular; “O muíño das aforas”, canción popular; “Os meus amores”, arranxo de “Voces Amigas”; “Morena” canción popular e “Popurrí galego nº 2”, Arranxo de “Voces Amigas”.

No intermedio, Esther Casalderrey e Chiruca García escenificarán unha selección de pullas, antigas retesías entre mulleres de Lérez e Mourente.

Para o próximo mes de febreiro a programación de “Venres Culturais Cedofeita” ofrecerá a conferencia de Germán Ermida que versará sobre o feísmo no urbanismo galego. Tamén terá lugar na casa da Cultura de Lérez, o venres, día 22, ás 20,30 h. Coma sempre, a entrada será de balde ata completar aforo.

domingo, 23 de noviembre de 2014

Recital de poesía


Venres Culturais Cedofeita

Recital de poesía na Casa da Cultura de Lérez.

O próximo venres, 28 de novembro, ás 20,30 h., na Casa da Cultura de Lérez, a Asociación Sociocultural Cedofeita presenta un recital de poesía no que declamarán Carmen Blanco Rodríguez, Teresa Fraga Couto e Carlos Casalderrey García, os tres veciños de Lérez.
Carmen Blanco naceu no Castelo, emigrou a Venezuela e de volta rexentou unha taberna no lugar do Cimbelo onde vive actualmente. O seu interese pola cultura levouna a asistir a clases de adultos e diversos cursos, a participar en representacións teatrais como “Os vellos non deben de namorarse” e “O enfermo imaxinario” e á lectura de libros que, se cadra, non tivo oportunidade de ler de moza, sentindo unha predilección especial pola poesía. Nesta ocasión recitará poemas de Juan Ramón JIménez, Manuel María e un moi especial que a filla Maricarme lle dedicou o día do seu aniversario, que leva por título “A nena Carme, a avoa Carme”.
Teresa Fraga naceu en Santo André de Xeve, pero leva vivindo entre nós desde que casou en 1952. Traballou no campo, coseu para un almacén e vendeu nas feiras a roupa que ela confeccionaba. Ó xubilarse, comeza a realizar unha serie de actividades de lecer como ximnasia e teatro. Tivo éxito coa súa incursión no cine, non en van foi galardoada no IX Festival de Cans (2012) co premio do xurado á mellor interpretación feminina pola curtametraxe “Dúas Letras”, da que era a actriz protagonista. Actualmente canta no coro da igrexa. Na tarde do venres deleitaranos con poemas da súa propia autoría, que comezou a escribir como terapia fronte á desventura de quedar viúva. Son poemas cheos de sentimento e amor como “Din que se acaba o amor”, “Esa Mirada” ou “Vivencia”.
Carlos Casalderrey, aínda que vive en Pontevedra, non esquece que naceu no Arco. Ferreiro, mecánico e pintor, coñeceu o amargor e a dozura da emigración a Francia onde, daquela, comprobou a existencia dunha vida máis libre, digna e organizada. Carlos, amante do saber, é lector de novelas, ensaios históricos e poesía. Participou no grupo de teatro do centro social da extinta Caixa Galicia e canta no coro do Burgo. Con poemas de Cabanillas, Manuel María, Álvarez Blázquez e do portugués Eugénio de Andrade cerrará o recital que será seguido dun coloquio entre os asistentes.
A Asociación Cedofeita convida a todas as persoas interesadas na declamación a asistir a este evento entrañable, lembrando que, como é habitual nos “Venres Culturais”, a entrada será de balde ata completar aforo.
Pontevedra, 23 de novembro de 2014.

domingo, 21 de septiembre de 2014

Presentación do nº 18 da revista CEDOFEITA


A asociación sociocultural CEDOFEITA de Lérez acaba de sacar á rúa o número 18 da revista do mesmo nome. A publicación, que conta con 64 páxinas, ofrece unha gran diversidade de artigos sobre diferentes temas.
No apartado de historia conta coa colaboración do historiador Anselmo López Carreira que escribe sobre a configuración da Galicia histórica, repasa os distintos avatares que a afectaron, tanto no territorio como na súa entidade política; un apartado gráfico con diversos mapas contribúe a unha maior comprensión do exposto no artigo. “Agricultores de Salcedo” é o título dun artigo de Xosé Álvarez no que se trata, polo miúdo, a historia da sociedade de agricultores desta parroquia pontevedresa dende os sucesos do Campo da Porta (1894) ata o golpe de estado de 1936; ademais dos feitos máis importantes da historia societaria achéganos nomes e biografía dos dirixentes máis destacados. Mario Gallego lembra aos mártires de Carral e conta como, a través da poesía e o teatro, se amosan os valores da chamada revolución do 46.
Isidoro González rememora un dos conflitos veciñais máis soados que tivo Lérez nos últimos anos: a carga policial contra os veciños no monte das Pías. Na orixe dos feitos estaba a postura veciñal de opoñerse ao paso da condución eléctrica para a depuradora de augas, en tanto non se cumprisen, por parte do concello, os acordos asinados con anterioridade.
O Suído é unha das serras máis representativas da nosa provincia, dotada de interesantísimos lugares de alto valor ambiental e paisaxístico así como etnográfico. Juan Soto adéntranos nas terras do Suído facendo un completo estudo dunhas construcións singulares como os chozos, utilizados polos pastores que coidaban o gando. O artigo complétase cunha espectacular serie de fotografías que completan o texto.
Benigno García preséntanos as vivencias dos anos da infancia coa relación entre os rapaces e a xunqueira; o seu artigo “Nós, os rapaces, e a xunqueira” é un compendio etnográfico sobre usos e aproveitamentos das xunqueiras, xogos e diversións, a pesca das anguías nas pozas, as entalladas, anécdotas, etc. Tamén sobre a xunqueira, pero centrándose nos aspectos ambientais e na súa consideración como espazo natural de interese local, o biólogo Vítor Cabaleiro cóntanos o estado actual da xunqueira do Alba ou da Gándara e analiza as diversas propostas existentes en canto á xestión de humedais.
O músico Juan M. Canosa achéganos un relato biográfico no que a música foi sempre o centro; a través do artigo van aparecendo orquestras e músicos que configuraron a Pontevedra musical dos últimos anos. Tamén ten carácter autobiográfico o espazo “De conversa” con Carmen Barragáns, unha loitadora da vida.
A xornalista Vera-Cruz Montoto escribe un documentado artigo no que analiza o Acordo Transatlántico de Comercio e Inversión (ACTI) e as regras do goberno mundial das empresas transnacionais; as consecuencias que para a cidadanía mundial poden ter as medidas derivadas do acordo están presentes nestas páxinas así como diversas referencias para que as persoas interesadas amplíen información. Eligio González dá a coñecer a figura dun dos máis importantes filántropos do contorno, o “indiano” Manuel Barreiro Cabanelas e a súa obra benéfico.educativa.
Teresa Fraga, veciña de Lérez, protagonista da curtametraxe “Dúas Letras”, revélasenos como escritora de poemas dos que nos achega unha mostra á que acompañan ilustracións de Montse Castro. “A Maleta” é un texto teatral de Manolo Ayán no que se retrata, de xeito desesperanzado a situación da xuventude na actualidade.
Completan o número seccións habituais como a de Humor, adicado ao “Ollomóbil”, Novos cultivos, actividades e un repaso ás exposicións de Cedofeita nos vinte anos da súa existencia.
O vindeiro xoves, día 25 de setembro, na Casa da Cultura de Lérez, ás oito e media da noite terá lugar a presentación da revista coa intervención de diversos colaboradores. O acto é de entrada libre ata completar o aforo.

martes, 26 de noviembre de 2013

Presentación do nº 17 da revista CEDOFEITA


Presentación do número 17 da revista CEDOFEITA
O vindeiro xoves, 28 de novembro, ás oito da tarde, na Galería Sargadelos de Pontevedra, terá lugar o acto de presentación do número 17 da revista CEDOFEITA editada pola asociación do mesmo nome de Lérez.
O presenta número consta de dezaseis artigos nos que se tratan os máis variados temas como ven sendo habitual na revista. A historia está representada por colaboracións do antropólogo Rafael Quintía que nos achega ao deus Vestio Alonieco nun documentado estudo acerca desta figura do pasado máis lonxano de Pontevedra; o profesor Xosé Abilleira rememora o novecentos aniversario da consagración episcopal, feita na igrexa de Lérez, dos bispos Munio e Hugo e coa presencia, entre outros, dos arcebispos Xelmírez de Compostela e Mauricio de Braga; o tamén profesor Alfonso Mumary Ruibal continúa co tema do número anterior escribindo sobre escrituras e litixios sobre a Casa do Barón de Pontevedra; achegándonos máis aos nosos días, o historiador Enrique Acuña obséquianos cun relato sobre o moinante máis coñecido dos relacionados coa parroquia lerezá: o carteirista Venerando e Xosé Álvarez adéntranos nas interioridades da masonería pontevedresa dos anos trinta do pasado século.
Os xastres e costureiras de Lérez tamén teñen o seu lugar mediante un documentado artigo de Xaime Iglesias, ao fío da exposición realizada pola asociación CEDOFEITA este verán. Tamén sobre Lérez tratan os artigos de Benigno Iglesias, que entrevista a un dos personaxes máis populares de Lérez e de Pontevedra como é Raimundo Piñeiro “Pechecho” e Esther Casalderrey que nos conta sobre o que rodeaba a festa de santa Lucía.
O micólogo Xaime Blanco aporta a novidade dunha especie por el descuberta nos nosos montes: o Cheimonophyllum pontevedrense, que é o nome proposto para este fungo. A sección de Novos cultivos, da man de Xosé Álvarez, trae novas sobre as xudías de metro, chamadas así pola súa extraordinaria lonxitude. Dous artigos sobre temas de actualidade, un sobre o mundo das ludopatías como lacra social, escrito por Eloy Martínez e Javier González , e outro do profesor José Raposeiras sobre Formación e orientación profesional acerca dos aspectos básicos do recoñecemento oficial das competencias profesionais adquiridas ao longo da vida.
Outros artigos como a habitual sección de humor a cargo de Xosé Manuel Castro, un apartado adicado a lembrar recitados infantís por Xaime Iglesias e o artigo “Que será de nós” a cargo de Juan Antonio Loureiro, xunto coa sección de actividades, pechan este número da revista.
Na presentación intervirán varios colaboradores da revista.
A asociación CEDOFEITA convida a todos os pontevedreses e pontevedresas a asistir ao acto que será público.

lunes, 4 de noviembre de 2013

Cogomelos



ACTIVIDADES

MICOLÓXICAS
XIX Xornadas Micolóxicas
NOVEMBRO 2013
Venres, 8, ás 8 e media, na Casa da Cultura de Lérez, charla sobre “Cogomelos tóxicos”.
Sábado día 9 terá lugar unha saída ó monte para a recollida e clasificación de cogomelos. Dita saída partirá da Casa da Cultura (R/ Leandro del Río nº 12) ás 9 da mañá e estará dirixida polo grupo micolóxico Sendeiriña (Cedofeita).
A asistencia a estas actividades é libre e gratuíta. Para a saída ao monte recoméndase levar cesta e roupa axeitada.

ORGANIZA: Asociación socio-cultural
CEDOFEITA. Lérez