sábado, 17 de noviembre de 2012

Dúas Letras

A Asociación sociocultural CEDOFEITA celebrará o vindeiro venres, día 23 de novembro, ás oito e media da noite e na Casa da Cultura de Lérez (R/ Leandro del Río Carnota, 12) a proxección da película e presentación do libro Dúas Letras. O acto contará coa presencia da autora, Fina Casalderrey e do realizador Eloy Varela. A entrada será gratuíta e libre ata completar o aforo.

jueves, 18 de octubre de 2012

Actividades previstas

Para este último trimestre do ano 2012, a asociación ten previsto realizar as seguintes actividades:
 
Programa de actividades da Asociación Cedofeita de Lérez
para o terceiro trimestre do presente ano


A asociación Cedofeita de Lérez vén de aprobar o plan de actividades para o último trimestre do ano en curso. Presenta como novidade a aparición dos “venres culturais”, vella idea levada a cabo nos primeiro anos de andadura da Asociación co nome de “xoves culturais”, que deixou de realizarse por falta de local axeitado. Coa posta en funcionamento da Casa de Cultura de Lérez, os “venres culturais” pretenden ofrecer ó público unha proposta variada de actividades (charlas, mesas redondas, proxeccións de películas e documentais, actuacións musicais, talleres, etc.) que se realizará no último venres de cada mes, a non ser que razóns concretas e especiais aconsellen que un evento determinado deba ser traslado a outro venres.

A continuación expoñemos o conxunto das actividades que a Asociación Cedofeita ten programadas para o último trimestre do presente ano.

  • 26 de outubro. 20,30 h. Venres culturais. Casa da Cultura de Lérez “Valentín Paz- Andrade”. Charla de Pepe Álvarez
  • 28 de outubro. Domingo. “Roteiro dos persoeiros”. Saída da rúa Luís Otero (bancada norte de Pasarón, preto de Mercadona), ás 10 h.
  • 9 de novembro. Venres. 20,30 h. Casa da Cultura de Lérez “O apaixonante mundo dos cogomelos ”. Charla divulgativa.
  • 10 de novembro. Sábado. Recollida de cogomelos. Saída ó campo, ás 9, 30 h., da Casa da Cultura de Lérez.
  • 23 de novembro. 20,30 h. Venres culturais. Casa da Cultura de Lérez Presentación da película “Dúas Letras” con Fina Casalderrey e Eloy Varela
  • 28 de decembro. 20,30 h. Venres culturais. Casa da Cultura de Lérez Presentación do documental sobre Barriga Verde, titiriteiro de Lérez con Comba Campoy, Anxo García e Alfonso Silvent

A Asociación Sociocultural Cedofeita convida a todas aquelas persoas interesadas a participar nestas actividades, lembrándolles que a asistencia é libre e de balde.



sábado, 21 de julio de 2012

Exposición: Cen anos de fútbol en Lérez.



























No mosteiro de Lérez, os días 4, 5, 6 e 7 de agosto e co seguinte horario: mañás de 11 a 14  e tardes de 19 a 22 horas.
Entrada libre. Inauguración o sábado, día 4, ás once horas.

viernes, 18 de mayo de 2012

Actividades para o 2012


Plano de actividades:
    1. Conferencia: “Barriga Verde: monicreques en galego”, a cargo de Xaime Iglesias González. Sábado 12 de maio ás 8 e media da tarde. Casa da Cultura de Lérez.
    2. Roteiro “Polos vellos camiños de Lérez”. Domingo, 27 de maio. A saída será dende a grada Norte de Pasarón (xunto Mercadona) ás 10 da mañá e terá unha duración prevista de 4 horas.
    3. Viaxe cultural. A celebrar o domingo 10 de xuño. Faremos unha viaxe a carón do Miño visitando Tui, Salvaterra, Monçao e Melgaço para coñecer os aspectos de interés da zona no eido paisaxístico, monumental, cultural, etc. Como é habitual, o prezo por persoa será o resultado de dividir os gastos (transporte e comida) entre os asistentes. As plazas serán 50 adxudicadas por orde de inscrición. Para reservar debe contactarse con calquera dos membros da directiva antes do día 31 de maio.
4. Exposición. A tradicional exposición anual terá como tema o mundo do
fútbol en Lérez e, en especial o C.D. Lérez. Terá lugar os días 4, 5, 6 e 7 de
agosto no mosteiro. Agradecemos a colaboración de todos os socios/as
mediante a aportación de fotografías, obxectos ou de suxerencias sobre a
mesma.
5. Está prevista a participación na Feira Franca cun obradoiro de fabricación
de papel.
6. Roteiro dos persoeiros de Lérez. A celebrar o domingo 21 de outubro con
saída ás dez da mañá das inmediacións da grada Norte de Pasarón (xunto a
Mercadona). Estará guiado e versará sobre a vida dos persoeiros máis
destacados da nosa parroquia.
7. Actividades sobre micoloxía. Charla sobre setas e saída de campo. Data: 10
de novembro (dependendo das condicións do tempo).
8. Publicación do nº 16 da nosa revista CEDOFEITA. Convidamos a que
todos os socios e socias interesados envíen as súas colaboracións ao equipo
redactor da mesma antes do 1 de setembro. O equipo redactor está á vosa
disposición para prestar calquera tipo de axuda técnica que se precise
(lingüística, documentación...).
NOTA: A nosa entidade ten proxectado un amplo plano de actividades como un ciclo de tertulias sobre diversos temas e a constitución de grupos de traballo sobre diversas áreas como toponimia, historia e patrimonio, etc. Estas actividades serán comunicadas no seu momento.

domingo, 27 de noviembre de 2011

Presentación do número 15 da revista CEDOFEITA


A asociación socio cultural CEDOFEITA de Lérez presentará o vindeiro martes, día 29 de novembro, o último número da súa revista CEDOFEITA. O acto terá lugar na sala SARGADELOS da rúa da Oliva ás OITO da noite. Contará coa intervención dalgúns dos autores que colaboran neste número que fai o 15 da revista.

Como é habitual, a diversidade de contidos caracteriza a esta revista cunha especial atención aos aspectos de investigación histórica e ambiental referidos á nosa bisbarra ou de interese máis xeral. Xosé Abilleira continúa coa divulgación da documentación sobre o castelo de Cedofeita e, nesta ocasión, analiza os escritos de Frei Prudencio de Sandoval sobre a documentación da doazón de dita fortaleza no ano 1169. Benigno García, neste ano no que se cumpre o centenario do histórico conflito entre as cidades de Vigo e Pontevedra ó redor das acrobacias do aviador Garnier, escribe unha completa crónica do sucedido naqueles días e a repercusión do enfrontamento que fixo intervir ao mesmísimo presidente do goberno español; achéganos, polo tanto, a un episodio descoñecido pola maioría dos pontevedreses. Na mesma liña , Xosé Álvarez dános a coñecer a “Calzada” ou Via Romana no tramo que discorre por Lérez e, en ton divulgativo, a problemática relacionada con estas vías na nosa zona. Amancio Castro escribe sobre a xunqueira do Covo e a súa transformación no tempo.

Dende a asociación Sirio, Ángel Valverde ensínanos a “Recuperar a emoción de ver o ceo” a través da súa experiencia persoal e do observatorio de Cotobade. Non falta tampouco a actualidade, a profesora Cristina Regueira fai unha detallada análise da crise económica que afecta ao mundo cunha serie de reflexións que van desde os aspectos históricos ás axencias de cualificación pasando pola débeda externa.

A entrevista a Pepe Ruibal serve para darnos a coñecer aspectos do Lérez e da Pontevedra de fai anos. Na mesma liña, outra serie de artigos achégannos ás vivencia da infancia, “ Cousas dos rapaces daquela época”, a unha viaxe inesquecible á Pena Corneira e unha crónica centrada na última exposición da asociación, amósanos o mundo das escolas e dos mestres dende finais do século XIX, da man de Xaime Iglesias. Non falta tampouco un completo artigo sobre as imaxes da muller pecadora na representación relixiosa, obra de Mercedes Gualteria Pintos, titulado “O canto das sereas. Unha iconografía da muller pecadora na catedral compostelá”. No campo educativo tamén poderemos coñecer a problemática dun tema de tanto interese como o dos nenos e nenas autistas. Escrito por Esther Núñez, e as seccións habituais de novos cultivos, humor, actividades, entre outras.

A asociación CEDOFEITA convida a asistir a esta presentación o martes ás oito na Galería Sargadelos.

domingo, 9 de octubre de 2011

Roteiro dos cruceiros de Lérez.



A Asociación sociocultural CEDOFEITA de Lérez, dentro das súas actividades encamiñadas a dar a coñecer o patrimonio cultural e artístico da bisbarra, vai levar a cabo unha nova edición dun roteiro centrado nos cruceiros da parroquia de Lérez. A asociación CEDOFEITA, respondendo a diversas peticións, pretende dar continuidade e estabilidade aos seus roteiros ao longo do ano, efectuando repeticións periódicas dos mesmos. O obxectivo do mesmo é dar a coñecer a riqueza artística e histórica dos mesmos ó tempo que servirá de convivencia a todas as persoas interesadas. Durante o roteiro poderanse contemplar as distintas tipoloxías destes monumentos: cruceiros, cruces de portal, adosados... Tamén se falará dos aspectos simbólicos que están detrás dos mesmos, da iconografía e doutras particularidades interesantes.

Na parroquia de Lérez existe un conxunto de trece cruceiros, neste roteiro visitaremos dez na parroquia de Lérez e un cruceiro e resto dun calvario na de Alba.

O roteiro terá como eixo principal o camiño vello ata O Castelo voltando por Casaldarado e A Santiña. Partirá da zona da bancada norte de Pasarón (xunto a Mercadona) ás 10 da mañá do próximo domingo día 16 de outubro de 2011. A duración estimada é de catro horas e a dificultade do recorrido é baixa.

Durante o roteiro, que será guiado, ofreceranse diferentes explicacións sobre os aspectos sinalados anteriormente. A Asociación sociocultural CEDOFEITA anima a todas as persoas interesadas a participar neste roteiro.