domingo, 3 de enero de 2010

No funeral de Gonzalo Jar

Onte a igrexa de San Salvador de Lérez quedou pequena para acoller aos centos de persoas que acudiron a dar o último adeus a Gonzalo Jar. Foron moitas as que seguiron o acto dende o adro. Unha das súas fillas leu a manda testamentaria que deixara escrita, ao rematar soaron os aplausos.

Manda testamentaria de Gonzalo Jar Couselo. Publicada no libro: En galego, agora e sempre, editado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

Ós dezasete anos, con moita morriña e máis medo ó descoñecido, saín da miña casa de Lérez para comezar unha vida profesional, a de garda civil, que, salvo a paréntese de dous anos en Lugo, ía obrigarme a ter que vivir lonxe dese pequeno paraíso que entón era todo o que estaba á beira dun engaiolante río Lérez. Atrás deixaba os meus pais, pero sobre todo a miña avoa Xoana, unha velliña que morrería dous anos máis tarde e que nos deixaba a toda familia, precisamente por non saber falar outra lingua, a mellor herdanza que nos podía transmitir, o emprego permanente do galego como única maneira de comunicarmos entre nós. Moito tempo despois descubriría o privilexio que supón desenvolver os primeiros anos dunha vida con dúas linguas sen ningún esforzo para o neno que era. Unha vez casado cunha dona non galega, a chegada de dúas fillas plantexoume a dúbida de como tería que facer para que esa herdanza que me fora transmitida non morrera de maneira definitiva, así que, desde ben pequenas e coa complicidade da miña muller, puxen en marcha un plan, vixente deica hoxe, que consistía en falarlles sempre en galego aínda que elas me responderan en castelán. Pasaron os anos e a maior, Ana, hoxe alta funcionaria do Estado, tras estudar na escola de idiomas de Madrid cinco anos de galego é xa unha verdadeira defensora da nosa lingua; en canto á pequena, Marta, xornalista, custoulle un pouco máis a entrada nese mundo, pero un Erasmus en Lisboa tróuxoma ó noso eido pola vía do portugués. É así como, cando se aproxima o intre de facer testamento, quero pedirlle a ámbalas dúas que, de igual maneira que recibiron ese privilexio, se comprometan ante a xeración que lles precedeu a manter viva o que consideramos é o mellor legado que se lle pode facer a unha persoa.

Os xornais deron conta do acto: http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2010/01/03/adios-hombre-solidario/399906.html

lunes, 28 de diciembre de 2009

Na morte de Gonzalo Jar Couselo

Son días de tristura en Lérez: nesta noiteboa acaba de deixarnos Gonzalo Jar Couselo. Aínda no mes de agosto estivera entre nós visitando a exposición sobre os músicos de Lérez e asistindo aos recitais de Félix Cons e de Ramos e Canosa. Compartimos todos diversas cancións e tamén moitas emocións.
Ao despedirse e como facía sempre, na súa condición de membro entusiasta de
CEDOFEITA , despois de gabar as actividades realizadas dixo o consabido
¡ Que difícil vai ser melloralo o ano que ven! ¡ A ver con que nos sorprendedes!”.
Pero a enfermidade non lle permitiu volver ao seu querido Lérez, falar cos amigos, preguntar por as novidades...
Non é este o lugar para falar dos seus méritos como militar ou como especialista en dereito internacional, para nós foise un membro da asociación e colaborador da nosa revista, unha persoa namorada de Lérez e as súas xentes, da nosa cultura e da nosa lingua, defensor do medio ambiente e do río Lérez que tan ben coñecía...
Compartimos a dor destes momentos coa súa familia e amigos.

O seguinte enlace lévanos a un artigo de Gonzalo Jar na revista CEDOFEITA. http://www.arcanaverba.org/cedofeita/rc10/lembranzas.pdf

E tamén outro enlace a un blog que fala del e con comentarios de persoas moi queridas:

http://eolapaz2.blogspot.com/2009/04/gonzalo-jar-couselo.html

Asociación sociocultural CEDOFEITA

Cando se aproxima un novo ano, a asociación sociocultural CEDOFEITA de Lérez bota a andar este blog que pretende servir de lugar de encontro para todas as persoas interesadas nas actividades da mesma.
Lembramos tamén que na nosa páxina http://cedofeita.arcanaverba.org , poden atopar todos os contidos dos diferentes números da nosa revista e outros contidos de interese.