A asociación socio
cultural CEDOFEITA de Lérez na súa programación dos Venres
Culturais contará o vindeiro venres, día 28, ás oito e media da
tarde e na Casa da Cultura de Lérez coa actuación do grupo AVELAÍÑA
Teatro que porá en escena a obra “A Lola” da autoría de Manuel
Ayán.
A Lola son
todas as mulleres que sobreviviron aos seus maridos, arrebatados polo
terror franquista.
O relato xoga co
presente (mediados dos anos sesenta) e o pasado ( os anos da 2ª
República e os inmediatamente posteriores ao golpe militar de xullo
de 1936). A súa trama está determinada polo que se denomina "pasado
non ausente" ou sexa, polo feito de que o sucedido nos anos
da represión postgolpe segue a determinar as vidas e as condutas de
varias xeracións, porque o silencio sobre aqueles feitos impide a
superación do trauma.
David e Teresa,
mozos abertos aos novos aires que comezan a infiltrarse na sociedade
española, deciden casar e visitan a casa nativa para comunicarllo a
seus pais. Pero os traumas do pasado seguen presentes: a
historia dos pais de Teresa, familia comprometida dende o primeiro
momento co novo réxime e a dos pais de David, identificados cos
ideais republicanos, frustran os desexos dos mozos.
Na obra recréase
o ambiente, ideais e confrontacións entre dúas formas de entender a
sociedade: os valores da tradición patriarcal e escolástica dos
golpistas fronte ás ideas constitucionais de progreso e liberdade.
A entrada será de
balde e libre ata completar o aforo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario