A asociación sociocultural CEDOFEITA
de Lérez acaba de sacar á rúa o número 18 da revista do mesmo
nome. A publicación, que conta con 64 páxinas, ofrece unha gran
diversidade de artigos sobre diferentes temas.
No apartado de historia conta coa
colaboración do historiador Anselmo López Carreira que escribe
sobre a configuración da Galicia histórica, repasa os distintos
avatares que a afectaron, tanto no territorio como na súa entidade
política; un apartado gráfico con diversos mapas contribúe a unha
maior comprensión do exposto no artigo. “Agricultores de Salcedo”
é o título dun artigo de Xosé Álvarez no que se trata, polo
miúdo, a historia da sociedade de agricultores desta parroquia
pontevedresa dende os sucesos do Campo da Porta (1894) ata o golpe de
estado de 1936; ademais dos feitos máis importantes da historia
societaria achéganos nomes e biografía dos dirixentes máis
destacados. Mario Gallego lembra aos mártires de Carral e conta
como, a través da poesía e o teatro, se amosan os valores da
chamada revolución do 46.
Isidoro González rememora un dos
conflitos veciñais máis soados que tivo Lérez nos últimos anos: a
carga policial contra os veciños no monte das Pías. Na orixe dos
feitos estaba a postura veciñal de opoñerse ao paso da condución
eléctrica para a depuradora de augas, en tanto non se cumprisen, por
parte do concello, os acordos asinados con anterioridade.
O Suído é unha das serras máis
representativas da nosa provincia, dotada de interesantísimos
lugares de alto valor ambiental e paisaxístico así como
etnográfico. Juan Soto adéntranos nas terras do Suído facendo un
completo estudo dunhas construcións singulares como os chozos,
utilizados polos pastores que coidaban o gando. O artigo complétase
cunha espectacular serie de fotografías que completan o texto.
Benigno García preséntanos as
vivencias dos anos da infancia coa relación entre os rapaces e a
xunqueira; o seu artigo “Nós, os rapaces, e a xunqueira” é un
compendio etnográfico sobre usos e aproveitamentos das xunqueiras,
xogos e diversións, a pesca das anguías nas pozas, as entalladas,
anécdotas, etc. Tamén sobre a xunqueira, pero centrándose nos
aspectos ambientais e na súa consideración como espazo natural de
interese local, o biólogo Vítor Cabaleiro cóntanos o estado actual
da xunqueira do Alba ou da Gándara e analiza as diversas propostas
existentes en canto á xestión de humedais.
O músico Juan M. Canosa achéganos un
relato biográfico no que a música foi sempre o centro; a través do
artigo van aparecendo orquestras e músicos que configuraron a
Pontevedra musical dos últimos anos. Tamén ten carácter
autobiográfico o espazo “De conversa” con Carmen Barragáns,
unha loitadora da vida.
A xornalista Vera-Cruz Montoto escribe
un documentado artigo no que analiza o Acordo Transatlántico de
Comercio e Inversión (ACTI) e as regras do goberno mundial das
empresas transnacionais; as consecuencias que para a cidadanía
mundial poden ter as medidas derivadas do acordo están presentes
nestas páxinas así como diversas referencias para que as persoas
interesadas amplíen información. Eligio González dá a coñecer a
figura dun dos máis importantes filántropos do contorno, o
“indiano” Manuel Barreiro Cabanelas e a súa obra
benéfico.educativa.
Teresa Fraga, veciña de Lérez,
protagonista da curtametraxe “Dúas Letras”, revélasenos como
escritora de poemas dos que nos achega unha mostra á que acompañan
ilustracións de Montse Castro. “A Maleta” é un texto teatral de
Manolo Ayán no que se retrata, de xeito desesperanzado a situación
da xuventude na actualidade.
Completan o número seccións
habituais como a de Humor, adicado ao “Ollomóbil”, Novos
cultivos, actividades e un repaso ás exposicións de Cedofeita nos
vinte anos da súa existencia.
O vindeiro xoves, día 25 de
setembro, na Casa da Cultura de Lérez, ás oito e media da
noite terá lugar a presentación da revista coa intervención de
diversos colaboradores. O acto é de entrada libre ata completar o
aforo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario